A Deputación adapta máis instalacións provinciais ás necesidades de persoas con capacidades diferentes

A Deputación adapta máis instalacións provinciais ás necesidades de persoas con capacidades diferentes. Os inmobles da Rede Museística Provincial xa están recoñecidos a nivel internacional por non contar con ningún tipo de barreiras arquitectónicas. No Pazo de San Marcos, en cuxa entrada hai un pictograma identificativo para persoas con autismo e conta con dous ascensores para permitir a mobilidade polos distintos andares, vanse a realizar agora obras nos dous aseos para facilitar o seu uso a veciños con mobilidade reducida. O proxecto para estas actuacións xa está listo dende hai tempo, conta cunha partida de 12.000 euros e prevese iniciar proximamente, pois está pendente dos derradeiros permisos que se requiren para poder actuar en patrimonios históricos.

O feito de que o actual Goberno Provincial decidise favorecer en todas as súas programacións e concesión de axudas a persoas con capacidades diferentes, supuxo que un maior números das mesmas acudan a diario ás instalacións provinciais. Ademais, ofrece actividades específicas para estes colectivos. Por exemplo, na Rede Museística.

Nas últimas edicións do Ben Empregado fixouse unha liña específica para contratar a lucenses desempregados con capacidades diferentes coa se que subvenciona ao 100% os seus custos laborais. A través desta iniciativa, hai 70 persoas que traballan hoxe en empresas e colectivos da provincia ás que se tamén se lle financia dende a Deputación o material necesario para que estes profesionais desenvolvan con normalidade o seu labor. Co Plan de 1ª Oportunidade, dirixido a mozos lucenses sen experiencia laboral, tamén se puntuou favorablemente a contratación de persoas con capacidades diferentes, que na actualidade están a traballar na Deputación.

Durante estes días, no Pazo de San Marcos, estanse a celebrar as probas de selección para a contratación de máis de 70 lucenses desempregados en colectivos sociais da provincia a través do Tecendo Emprego, no que tamén se favorece a contratación de veciños no paro con capacidades diferentes que están a participar nestas probas.

De igual xeito, todas as axudas de concorrencia competitiva de deportes e cultura levan claúsulas sociais para primar a colectivos que integran persoas con capacidades diferentes ou deportistas individuais. A Rede Museística Provincial conta cunha ampla programación de actividades que promoven a inclusión social, recoñecida internacionalmente por 11 universidades europeas e a Fundación Ibermuseos.

Todo este amplo traballo supuxo que a Deputación recibise ademais o Premio Galicia de Inclusión Social de Anade, Once Solidariedade, Premio á Iniciativa Insitucional da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, entre outros galardóns.

Obras

As obras que se realizarán agora para adaptar os dous aseos do Pazo de San Marcos consisten na instalación de portas corredoiras de vidro, demolición dos tabiques que separan a zona de baño coa dos lavadoiros para gañar espazo, pasando dos 1,82×1 aos 3,72×1,93 metros. Situaranse inodoros adaptados con asento ergonómico, lavabos adaptado, barras de apoio dobres, que serán abatibles, de aceito inoxidable e duns 85 centímetros de lonxitude.

Etiquetas