Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXABurela

O concello de Burela publica as obrigas que deberán cumprir os propietarios e titulares de fincas urbanas e forestais

Por 28 Marzo, 2019Sin comentarios
O Servizo de Medio Ambiente do Concello de Burela pon en coñecemento que foi publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica desta administración local, así como no da Casa do Concello, o bando informativo relativo ás obrigas que lles impón a normativa de aplicación en materia de conservación, mantemento, limpeza e prevención e defensa contra os incendios, aos propietarios, ou titulares do dereito de aproveitamento, das parcelas e fincas sitas no termo municipal.
Aínda que no bando concrétanse as obrigas con maior detalle, estas circunscríbense, entre outros extremos, a que antes do 31 de maio deste ano, as persoas físicas ou xurídicas propietarias das parcelas e fincas clasificadas como solo urbano (incluidas as que teñen consideración de soar) ou urbanizable sitas no termo municipal do concello de Burela deberán xestionar a biomasa vexetal, executando na totalidade da superficie do terreo os traballos de roza que sexan precisos; proceder á corta e retirada das especies arbóreas sinaladas na Disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos termos establecidos en dita norma legal; e mantelas limpas, libres de residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público -esta obriga inclúe a esixencia de desratización e desinfección das devanditas parcelas e/ou fincas-.
Tamén antes do 31 de maio e en referencia ás parcelas e fincas que teñen a consideración de monte ou terreo forestal -ou que están situadas nas zonas de influencia forestal-, sitas no termo municipal do concello deberán tamén xestionar a biomasa vexetal e proceder á retirada das especies arbóreas, no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, nos termos da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; proceder á corta e retirada das especies arbóreas sinaladas na Disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa e nos termos establecidos en dita norma legal; adecuar as masas arboradas existentes e as novas plantacións, ás distancias mínimas establecidas no Anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia.
O concello informa tamén que as persoas interesadas poderán formular calquera consulta ou solicitude de información adicional sobre a materia referida ante o Servizo de Medio Ambiente do Concello de Burela, chamando ao número de teléfono 982 58 60 00, remitindo un correo electrónico a medioambiente@burela.org, ou, no seu caso, presentando o oportuno escrito nos rexistros administrativos legalmente habilitados.