Chévere trae a Ribadeo a obra ‘Anatomía dunha serea’, sobre a violencia obstétrica, o domingo 31 de marzo

A Concellaría de Igualdade trae a Ribadeo o espectáculo Anatomía dunha serea da compañía teatral Chévere, que versa sobre a violencia obstétrica.  Será este domingo, 31 de marzo, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval.

Anatomía dunha serea é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados, da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.

Segundo a Organización Mundial da Saúde “en todo o mundo, moitas mulleres sofren un trato irrespectuoso e ofensivo durante o parto en centros de saúde, que non só viola os dereitos das mulleres a unha atención respectuosa, senón que tamén ameaza os seus dereitos á vida, á saúde, á integridade física e á non discriminación. Esta declaración reclama un accionar máis enérxico, diálogo, investigación e apoio en relación con este importante problema de saúde pública e de dereitos humanos”.

Desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM subliñan que “a violencia obstétrica non só é recoñecida e denunciada pola OMS, senón que tamén é un tema central na axenda dos Comités de Ética para a asistencia sanitaria dos hospitais galegos nos últimos anos. Aínda que España non as ten tipificado especificamente como en Venezuela ou Arxentina, as prácticas constitutivas de violencia obstétrica atópanse prohibidas no noso país, xa que supoñen a vulneración de dereitos básicos recoñecidos en convenios internacionais, así como na nosa Constitución: á integridade física e moral (artigo 15), á liberdade persoal (artigo 17) e á intimidade (artigo 18)”.

Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. A voz en primeira persoa da protagonista é tamén o testemuño directo de alguén que viviu os sucesos e acontecementos reais que se contan na obra.

Etiquetas