Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

O Goberno da Deputación impulsa a XXXV edición de Moexmu, unha cita gandeira de referencia, o único concurso de gando vacún da provincia

Por 29 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou xunto cos membros da comisión organizadora de Moexmu, a feira gandeira de Muimenta 2019. O recinto Manuel Vila de Muimenta, acollerá os días 5, 6 e 7 de abril, a XXXV edición da Mostra Exposición de Muimenta–Moexmu, o XXXIII Concurso de Gando Frisón, a XXXIII Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXIII Poxa de Gando Selecto. Na presentación, que tivo lugar no Pazo de San Marcos participaron o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño; o Presidente da comisión organizadora MOEXMU, Aníbal José Rodríguez; as vogais, Ana Iglesias Lozano e Pilar Morán Edrosa; e o coordinador, José Manuel Rus Rodríguez.

Trátase dunha cita importante para os gandeiros, pois é o único concurso de gando celebrado na provincia, o que se reflicte nos datos de asistencia, que cada ano superan os 15.000 visitantes. Ata o momento, hai anotadas 65 cabezas para o Concurso de Gando Frisón, 15 para a Poxa de Gando Selecto e 9 para a Exposición de Rubia Galega, o que supón un volume económico de máis de 216.000 euros. Porén, desde a organización agárdase que este número aumente e supere as 100 cabezas de gando.

García Porto quixo  convidar “a todos os veciños a asistir a esta feira, para apoiar ao sector primario, piar da economía da nosa provincia e moi particularmente da Comarca da Terra Chá, e redescubrir todo o potencial que este ten como dinamizador do rural”.

Durante as dúas xornadas os visitantes tamén poderán desfrutar dunha zona comercial de 20.000 m2 con expositores de artesanía, maquinaria agrícola, alimentación, e outros produtos relacionados co sector agrogandeiro. Ademais, o domingo haberá mostras de oficios tradicionais por parte de artesáns e celebrarase a II edición do Concurso Monográfico de Can de Palleiro.

Museo das Zocas

Aquelas persoas que se acheguen a Moexmu poderán, ademais, coñecer o Museo das Zocas, inaugurado o pasado 23 de marzo, un espazo de grande interese etnográfico situado no conxunto artístico da Igrexa Vella de Muimenta. O sábado e o domingo, membros da directiva de Xotramu, abriranlle as portas ao visitantes de xeito gratuíto. Este museo recolle ao redor de 40 pares de zocas de diferentes tipoloxías, así como ferramentas e materias que os zoqueiros usaban na súa elaboración.