A concellería de saúde de Ribadeo celebrará con varios expertos unha mesa redonda sobre ‘Porros, mitos e realidades’

A Casa do Mar será escenario o vindeiro 4 de abril dunha mesa redonda sobre o consumo de cannabis. Está organizada pola Concellaría de Saúde e Servizos Sociosanitarios.

Vari@s expert@s participarán na cita que leva por título Falemos de porros: mitos e realidades. Estarán en Ribadeo Manuel Isorna, experto en prevención, doutor en Psicoloxía e profesor na Universidade de Vigo; Ana Bermejo, catedrática de Toxicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; e Mª Concepción Abad, psicóloga e directora da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Burela.

A entrada a esta mesa redonda, que dará comezo ás 20:00 horas, é de balde. Desde a organización sinalan que “non é necesario apuntarse previamente” e que “poden asistir mozas e mozos de 14 anos ou máis”.

Sonia Meilan, concelleira de Saúde e Servizos Sociosanitarios, envía estes días unha carta aos pais e nais de Ribadeo para convidalos “a un novo programa de actuación no ámbito familiar que imos desenvolver. Chámase Máis que un teito, e está baseado no intercambio de experiencias sobre diversas temáticas de interese para as familias e os seus fillos e fillas”. Nesa carta di que “como ben saberás, os pais/nais somos o primeiro axente socializador dos nosos fillos/as. Posteriormente tamén influirán, e moito, a escola, as amizades, a sociedade, etc… é por iso que cremos na necesidade de coordinación entre a familia, a escola e os organismos públicos como, neste caso, no noso Concello”.

Etiquetas