O Parque Móbil da Deputación renóvase coa adquisición de 5 novos vehículos eléctricos

O Goberno da Deputación recibiu este xoves os 5 primeiros automóbiles dos 18 que se substituirán no Parque Móbil. Trátase de vehículos eléctricos adquiridos dentro da fase de renovación da flota, que se empregarán para os traballos de mantemento e conservación da rede viaria provincial. Os coches eléctricos entregáronse cos seus correspondentes puntos de recarga, que se instalarán en distintas instalacións provinciais na capital luguesa: dous no Pazo de San marcos e os tres restantes no parque móbil de Garabolos.

Ademais, adquiriranse 8 furgonetas e 5 vehículos todo camiño 4×4 que, xunto aos eléctricos xa entregados, substituirán 18 vehículos usados, cunha antigüidade de 10 anos e máis de 300.000 quilómetros. O investimento total deste proceso de renovación é de 288.000 euros, dos que 130.000 euros destináronse para a adquisición dos 5 vehículos eléctricos do modelo Nissan Leaf, que substituirán 2 Suzuki Grand Vitara, 1 Suzuki Jimny, 1 Rover 25 e 1 Land Rover 88.

Redución de CO2

A aposta pola adquisición deste tipo de automóbiles enmárcase, tamén, na loita contra o cambio climático, e perfílase como unha das mellores alternativas para reducir as emisións de CO2, principal causante do efecto invernadoiro. Os novos vehículos eléctricos terán unha autonomía de entre 250 e 300 quilómetros e suporán importantes beneficios medioambientais, xa que reducirán as emisións de CO2 e mellorarán a eficiencia enerxética, ao reducir o total de emisións á metade respecto a un vehículo convencional. Os vehículos eléctricos producen 15 toneladas de CO2 en toda a súa vida útil, o que supón un 40 por cento menos que un coche diésel ou de gasolina, que produce 32.

Aforro de combustible

A Deputación provincial fai un uso medio dos coche de arredor de 30.000 quilómetros percorridos ao ano por cada automóbil. O Goberno viña achegando para os gastos de combustible, soamente para os 5 coches que se van trocar, arredor de 70 euros diarios, o que suma un total de 25.550 euros ao ano. A partir de agora, con estes 5 novos coches eléctricos, o custe reducirase a 10 euros diarios, co que se conseguirá un aforro anual duns 22.000 euros.

Etiquetas