Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

CCOO rexeita o acordo entre o Sergas, os colexios de enfermería e AGEFEC

Por 1 Abril, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios
A Comisión Executiva da Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o acordo asinado entre o Sergas, os colexios de enfermería e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC). O sindicato coida «inaceptable» que a Administración, «unha vez máis», chegue a acordos fóra da mesa sectorial sobre materias que han ser negociadas coa representación legal dos traballadores e das traballadoras.
Segundo CCOO, este último acordo é «un simple conxunto de decisións burocráticas» sobre o funcionamento dos centros, que non aborda «ningún dos verdadeiros problemas» deste persoal. En opinión do sindicato, o pacto «só beneficia os dirixentes do Sergas» no seu «intento desesperado de desmobilizar» as traballadoras e os traballadores ante a folga convocada para a semana que vén na atención primaria.
O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, abunda en que o documento «non di unha soa palabra» sobre o incremento de orzamento que precisa a sanidade pública, tampouco sobre o aumento de cadro de persoal ou a equiparación entre o número de efectivos médicos e de enfermaría nos centros, ou do redimensionamento do número de doentes que cada profesional debe atender na súa xornada de traballo.
Os problemas da sanidade «non se resolven con asinamentos que son papel mollado, nin con fotos electoralistas, senón poñendo o diñeiro necesario», apunta Cameselle. Por esta razón, o voceiro de CCOO insiste en que «non se debe desviar nin un euro máis» ás empresas privadas.
«Na nosa opinión, o persoal non apoiará ese acordo, e os colexios profesionais deberán explicar o porqué do asinamento deste documento da vergoña», sentencia Cameselle, quen pide unha «gran participación» na folga dos días 9, 10 e 11 de abril.