Irmandamento entre as confrarías de Meira e A Pontenova, e celebración conxunta da Semana Santa

As confrarías do Cristo da Agonía e a Confraría da Esperanza teñen preparado xa o programa de Semana Santa deste ano.

Por primeira vez, estas confrarías irmandáronse coa confraría de Nosa Señora do Pedregal de Meira, que conmemora este ano o seu décimo aniversario, e celebrarán de forma conxunta Semana Santa. De feito, os actos repartiranse do seguinte xeito, os meiregos visitarán A Pontenova o Xoves Santo e os veciños acudirán a Meira o Venres Santo.

Para celebrar a popular Semana Santa na Pontenova abrirase a programación o 14 de abril, Domingo de Ramos, coa bendición dos ramos na Capela de San Briz ás 12:15 da mañá e seguidamente a procesión da Burriquiña, unha procesión marcada polo seu simbolismo, na que un veciño do pobo se despraza a lombos dun burro ou unha mula desde a Capela de San Briz ata a Igrexa Parroquial da Pontenova simulando a entrada de Xesucristo en Xerusalén. Posteriormente celébrase a eucaristía na igrexa da Pontenova.

O 18 de abril, Xoves Santo, haberá misa ás 19:30 horas. A continuación, a Confraría Nosa Señora do Pedregal participará na procesión, acompañando ás confrarías pontenovesas e á banda de música. A Confraría do Cristo da Agonía  sacará os pasos das figuras da Virxe Dolorosa e o Cristo da Agonía e a Confraría da Nosa Señora da Esperanza a imaxe da Virxe da Esperanza.

O Venres Santo terá lugar o Vía Crucis que dará saída ás 16:00 horas da Praza dos Fornos, organizado por Manuel García Paje, que fora sacerdote, entre outras, da Parroquia do “Sacro Corazón de Xesús”, e chega ao Santuario de Santa María de Conforto. A este vía crucis acode gran cantidade de xente, achegándose en ocasións ao milleiro de participantes.. Ás 17:00 horas tamén no Conforto celebrarase a Paixón.

Ese mesmo venres en Meira ás 20:30 horas celebración da Paixón e a continuación Procesión do Santo Encontro coas imaxes da Virxe das Dores, o Cristo Nazareno e o Cristo Crucificado, na que participan máis de 300 persoas, a Banda Municipal de Música, Banda Municipal de Gaitas e as Confrarías da Pontenova (Confraría do Cristo da Agonía e Confraría da Esperanza).

Paralelamente aos actos relixiosos, haberá unha exposición na igrexa de Meira dende o domingo 14 ao domingo 21, dos 10 anos de historia da confraría, así como imaxes das procesións, hábitos dos confrades, carteis, etc.

DÉCIMO ANIVERSARIO

Este ano, con motivo do décimo aniversario da Confraría Nosa Señora do Pedregal, elaborouse unha revista conmemorativa das distintas actividades que se levan realizado dende a súa creación.

A Confraría Nosa Señora do Pedregal creouse o 22 de febreiro do 2009 con 80 confrades, sendo na actualidade 470. Realiza actividades durante todo o ano, tales como o Belén vivinte, Cabalgata de Reis, mercadiños benéficos, obradoiros, xantar popular, alfombras florais, chocolatada de Nadal, etc.

No 2011 organizaron as alfombras florais de Lugo con motivo da festividade de Corpus, alfombrando a Praza de España, a Praza de Santa María e a contorna da Catedral. Ademais, a confradía está a estudiar a celebración dun concerto de música medieval de cara ao verán.

Para conmemorar o aniversario deste confradía, esta ten previsto celebrar o día 17 de maio un xantar de irmanamento.

Etiquetas