Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXACervo

O Museo Provincial lembra a obra de Luís Seoane, un dos promotores de Sargadelos, no Día das Artes Galegas

Por 2 Abril, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

García Porto presentou un novo folleto ilustrado adicado a Luis Seoane que está a disposición de todos os visitantes do Museo Provincial, e que conten información ampla e detallada sobre a vida e obra deste artista excepcional
A Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas 2019, que se celebrou este luns, 1 de abril, ao polifacético artista Luis Seoane. “Por iso, desde o Museo Provincial de Lugo, ao tempo que nos sumamos ao recoñecemento ao ilustre personaxe, aproveitamos para convidar aos nosos visitantes a coñecer as obras de Seoane que o Museo Provincial expón nas súas salas ou conserva nos seus almacéns”, avanzou a Deputada de Cultura, Pilar García Porto.
A Deputada de Cultura, presentou o novo folleto ilustrado adicado a Seoane que está a disposición de todos os visitantes do Museo Provincial, e que conten información ampla e detallada elaborada polo departamento de Belas Artes da Deputación sobre este artista, ao que este ano se lle adica o Día das Artes Galegas 2019.
O Museo Provincial conserva un, o nº66, dos 170 exemplares asinados e numerados do álbum ‘Insectario’, 15 gravados en madeira de Luís Seoane que editados por Tres, Catorce, Diecisiete en 1975. As 15 xilografías que formaron parte do álbum están enmarcadas individualmente e exhíbense como colección na Sala 24. O resto da publicación, cubertas e textos, consérvase na biblioteca do museo. Ademais do álbum ‘Insectario’, o museo posúe outras 3 obras de Seoane, unha paisaxe e dous retratos, que se conservan na área de reserva destinada aos fondos de Belas Artes.
Un dos principais artistas contemporáneos de Galicia
A colección do museo é unha pequena mostra da diversa e extensa actividade creativa e profesional de Luís Seoane (Bos Aires 1910 – A Coruña 1979). A súa inaudita capacidade de traballo levouno a explorar con éxito o terreo da pintura, o debuxo e o gravado; o muralismo, a ilustración, o deseño, a escenografía, o xornalismo, a crítica de arte, a comunicación (Galicia emigrante, emisións radiofónicas desde Bos Aires de 1954 a 1971…). Sen esquecer a súa achega ao mundo empresarial, sirva de exemplo a creación xunto a Isaac Díaz Pardo do Laboratorio de Formas de Galicia para potenciar o deseño editorial e industrial galego así como a refundación da Fábrica de Cerámica de Sargadelos e a creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada. Seoane é considerado un dos principais artistas contemporáneos de Galicia.
Exposición
García Porto lembrou que no mes de maio e ata finais de xuño, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá unha mostra de Maruxa Seoane. Este mesmo espazo albergou o ano pasado a mostra “Deseño e Diferenza”, de Luís Seoane. Unha colección que recollía unha selección de pezas con óleos, gravado, parte editorial e a cerámica do protagonista da linguaxe sargadeliana. A mostra, exhibiuse coincidindo co 50 Aniversario da Planta Circular de Sargadelos.