Skip to main content
ActualidadeFoz

Grande éxito do Festival en Beneficio da Loita Contra o cancro en Foz

Por 3 Abril, 2019Sin comentarios

Desde a Delegación Local de Foz da Asociación Española Contra o Cancro agradecen aos veciños que arrouparon os grupos Mar Aberto e Rondalla Latexos durante o Festival en Beneficio da Loita contra o Cancro. “Recollemos esa mensaxe que nos pide reforzar o esforzo e atención en apoio psicolóxico, máis atención social, tanto en orientación socio-laboral como en residencias gratuítas e en caso de desprazamentos fóra do lugar de residencia e, sobre todo, máis voluntariado formado para acompañar a pacientes e familiares alí onde sexa necesario”, comentan dende a asociación.
No festival celebrado na Sala Bahía participou o grupo Mar Aberto, un grupo de veciños que fixo esquecer coas súas voces os malos tragos da vida, que deleitaron ao público asistente co seu estilo especial.
Tamén acompañou ó anterior grupo a Rondalla Latexos, unha rondalla histórica de Foz, que durante moitos anos mostran as súas composicións e outras cancións acordes á musica de corda, que traslada aos oíntes aos anos universitarios. Mención especial lle fan dende a Asociación a Lela, a serenata escrita por Castelao que pasou dunha obra de teatro, aos cantos das rondallas e tunas e xa é unha canción case tradicional do repertorio galego.
As dúas agrupacións anteriores fixeron unha actuación conxunta onde mostraron as súas mellores cancións, e deron paso a unha merenda solidaria por xentileza de Pastelería Anduriña, Pastelería Amarena, Pastelería Xoima, Panadería Baía, Panificadora de Eo, Supermercados Gadis e Concello de Foz.
Viviuse na Sala Bahía de Foz un festival ao grande cunha participación aproximada dunhas duascentas persoas e unha recadación que rolda os mil euros, algo que dende asociación non poden deixar de agradecer ós veciños de Foz.
Desde a Delegación Local de Foz da Asociación Española Contra o Cancro agradecen o xesto solidario de todos os colaboradores e tamén aos veciños, seguidores e amigos que participaron con eles nesta tarde solidaria.
“Non queremos que ningún veciño se sinta só, queremos que todos saiban que alí onde estea a Asociación Española Contra o Cancro sempre haberá un voluntario disposto a axudar, acompañar e a orientar buscando sempre a mellor solución. Grazas veciños de Foz, grazas amigos, socios e colaboradores porque sen vós isto non sería posible.”