Skip to main content
ActualidadeMar AMARIÑAXAViveiro

Intensifícanse as medidas preventivas tralo afundimento do 'Grande América'

Por 3 Abril, 2019Sin comentarios

A Xunta vén de intensificar o seguimento e as medidas preventivas tralo afundimento do mercante Grande América o pasado 12 de marzo fronte ás costas de Francia. O Goberno autonómico activou onte en fase de alerta o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) como medida preventiva coa finalidade de estar preparados e dar resposta de xeito áxil no suposto caso de que os restos de fuel do mercante se achegasen ás costas de Galicia.
A Xunta, en coordinación con Salvamento Marítimo do Estado, continúa realizando un seguimento exhaustivo da deriva do fuel vertido por este mercante e tomou esta decisión atendendo ás predicións dos modelos de deriva da Prefectura Marítima do Atlántico de Francia e á meteoroloxía. Ademais, o Servizo de Gardacostas de Galicia desprazou o buque polivalente Sebastián de Ocampo para Celeiro (Viveiro) para actuar en caso de que sexa preciso e o helicóptero Pesca 2 e a patrulleira Punta Promontoiro realizarán comprobacións pola zona durante os seus labores rutineiros.
Estes labores súmanse aos que está a realizar Salvamento Marítimo por toda a costa cantábrica e o buque Ría de Vigo, do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Axencia Europea de Seguridade Marítima, na zona do naufraxio. De feito, esta embarcación mobilizouse desde o primeiro momento e está nas proximidades do afundimento para controlar e recoller os restos de fuel e adoptar outras medidas en caso de que sexa necesario.