Skip to main content
ActualidadeBarreiros

O BNG de Barreiros insta a convocar unha reunión entre corporación e as empresas do polígono

Por 3 Abril, 2019Sin comentarios

“O parque empresarial de Barreiros presenta numerosas necesidades, así como moitas as deficiencias nos servizos públicos de competencia municipal que alí se prestan ou deberan prestarse.” Segundo o Bloque Nacionalista Galego, esta foi a situación notificada polos empresarios alí ubicados hai máis dunha semana, a través dun escrito dirixido a toda a corporación solicitando unha reunión urxente co alcalde e con todos os grupos políticos municipais.
En dito escrito, enuméranse moitas das carencias da zona industrial de Barreiros, tales como a necesidade de dispoñer de fibra óptica; o deficiente alumeado, que se suple en moitos casos coa iluminación das propias naves; a recollida de lixo; a rede de sumidoiros; a sinalización e pintado das rúas; limpeza das parcelas que están sen edificar; sistemas de vixianza… “A todos estes problemas pódenselles buscar solución, se hai vontade política de facelo. E para iso, o primeiro que hai que facer é atender as peticións que fan e reunirse coas persoas afectadas”, afirmou Ana Ermida, concelleira e portavoz do BNG en Barreiros.
No escrito dirixido á corporación, as persoas titulares das empresas apostan tamén pola efectiva realización da obra que permita un acceso directo do polígono coa autovía, tal e como solicitou o BNG en días pasados, logrando acordo unánime da corporación ao respecto para presentar alegacións ao proxecto da A74 para que se inclúa esta modificación.
O BNG entende que esta zona industrial de Barreiros é de primordial importancia, non só para este concello senón para toda a contorna, pola estratéxica ubicación desta área. Neste sentido, desde a formación nacionalista recordan que no pleno do pasado 28 de xaneiro se aprobou por unanimidade a proposta do BNG de solicitar a Fomento un enlace directo ao polígono desde a futura A-74, que enlazará coa A-8. “Sería o polígono mellor comunicado da zona, e non podemos permitir que se deixe sen realizar este enlace, cando só está a 100 m da rotonda de conexión da A-8 e a A-74. Pensando no futuro de Barreiros, o polígono industrial é clave para o desenvolvemento social e económico do noso concello” afirmou Ana Ermida.
A raíz da proposta do BNG, o concello de Barreiros remitiu ao Ministerio de Fomento, o pasado día 1 de febreiro a correspondente alegación ao proxecto de trazado da autovía A-74 de A Mariña, tramo Barreiros-Foz.