Skip to main content
ActualidadeBurela

O concello de Burela programa de novo as 'XeoRutas' durante a Semana Santa

Por 3 Abril, 2019Sin comentarios

O Concello programa catro Xeorutas que se desenvolverán na Semana Santa, os días 17, 18, 20 e 21 de abril, e que percorrerán as zonas do Cantiño, O Perdouro e A Marosa. Esta iniciativa foi presentada esta tarde polo alcalde, Alfredo Llano, polo o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, pola concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, e por Fran Canosa, o guía que comentará as Xeorrutas aos asistentes.
O rexedor salientou que “unha das posibilidades moi atractivas para visitar Burela, dunha maneira extraordinaria, é realizar unha das Xeorutas que temos e que están tendo moi bo resultado porque permite ver Burela dunha das formas máis bonitas”.
Alfredo Llano explicou que “imos comezar o día 17 de abril coa Xeoruta do Cantiño, que é extraordinaria e permite ver o porto e as singularidades da paisaxe. O xoves santo, 18 de abril, teremos a Xeoruta do Perdouro e o sábado, 20 de abril, teremos esta mesma ruta, pero un pouco máis alongada. Finalmente o domingo, 21 de abril, será a Xeoruta da Marosa”.
O alcalde quixo “invitar a todo o mundo que estea por aquí a participar nalgunha destas Xeorutas porque vai ser unha forma de aprendizaxe e desfrute. Penso que é unha forma extraordinaria de visitar Burela nestas datas. Tamén estamos preparando a Semana Santa para que sexa atractiva, e se está bo tempo poderán visitarse todas as praias e degustar os pratos do noso peixe nos restaurantes do noso concello. Así que entre as Xeorutas e o resto pensamos que é case imprescindible visitar Burela nesta Semana Santa”.
A Xeoruta do Cantiño desenvolverase o 17 de abril en horario de 16:30 a 19:30 horas. A Xeoruta de Perdouro, programada para os días 18 e 20 de abril, terá un horario de 10:30 a 13:30 horas. E finalmente a Xeoruta da Marosa, prevista para o domingo 21 de abril, será entre as 10:30 e as 13:30 horas. A saída efectuarase dende a Oficina de Turismo, no porto de Burela.
As inscricións poden realizarse no Concello de Burela, na Oficina de Medio Ambiente, ou nos seguintes números de teléfono 982 586 000 e 982 580 867.