Volta e Dálle Teatro presenta unha obra en Burela

O vindeiro venres, 5 de abrril ás 21:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Burela, a Cía. Volta e Dálle Teatro, presentará a súa última obra “Falar por Falar”.

Todo indica que o futuro da lingua galega é incerto. Malia os niveis de protección legal do idioma, e case dous séculos de rexurdimento civil e literario, o descenso de falantes é evidente, con grande incidencia nas novas xeracións de galegas e galegos. Pero alén e aquén das análises socio-lingüísticas, a lingua segue viva e reclama o seu lugar natural nas nosas vidas. Atravesada por conflitos de longa data e certamente mareada polos avatares da política, a lingua espera sempre por nós nalgún punto do camiño. Moita xente mamouna no berce, outra demorou en romper a falala, e hai quen nunca a falou nin nunca a falará. Por iso, “Falar por Falar” proponnos un achegamento á realilidade da lingua , desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes.

Pepe Penabade e Carlos Santiago desafíannos a unha viaxe pola realidade viva da lingua, á procura dunha visión liberada de prexuízos e idealizacións, que nos permita desentrañar os enigmas dese falar que vén sendo toda lingua.

Os interpretes, Carlos Santiago, escritor , dramaturgo e monologuista, formou parte da compañía Chévere e da Sala Nasa ata finais dos noventa, e como músico e letrista de grupos como Nicho Varullo, a Banda da Nasa ou a Psicofónica de Conxo.

En 1998 iniciou o seu traballo como dramaturgo e director escénico, que desenvolveu tanto en Galicia como en Portugal, con máis de trinta pezas estreadas a un lado e outro do Miño, entre as que destacan” Ascensao e Queda de Zé Grotewski” “República de Gundián”,”Ruina”,”Dura Lex”, “Cicatriz ou a muller que foi mordida por un leao”, “Tráfico” ou “Cranios Privilexados”.

En 2010 dirixiu para o C.D.G. “Salomé de Oscar Wilde” e colabora regularmente con compañías galegas e portuguesas como Mofa e Befa, Trigo Limpo Teatro Acert, Baal17, Al Teatro, Chévere, Volta e Dálle, Zunzum AC, A Barraca e outras, destacando tamén a súa implicación en proxectos de teatro comunitario.

Pepe Penabade é un dos fundadores da compañía Os Quinquilláns da que formou parte como actor e escenógrafoen numerosos espectáculos entre 1987 e 1999.

No ano 2000, crea “Volta e Dálle” , compañía que dirixe na actualidade.En Volta e Dálle traballa como actornos espectáculos “Dura Lex”, “Menciñeiros”, “Pan, catro propostas arredor da malla”, “Buqueiras Novo”.

Nestes últimos anos tamén traballou como actor noutras compañías como Chévere ou no C.D.G. en Salomé.

O cinema e a televisión contaron co seu traballo como actor, entre outros en títulos como: Victoria 3 de Marzo, 23F, Os pasos sobre a terra, Chapapote, Maratón, Tac, A Mariñeira, Matalobos, Pataghorobí,Pepe O Inglés, Padre Casares, Serramoura, Libro de Familia, Rias Baixas, Terra de Miranda ou Mareas Vivas.

Esta representación conta coa calaboración da AGADIC (Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia).

A taquilla abrirase ás 20 horas. O prezo será de 4 euros.

Etiquetas