O BNG do Valadouro presentou unha moción sobre o testamento vital

O BNG do Valadouro presentou unha monción no Concello sobre a recollida do testamento vital no Hospital da Mariña.

O grupo municipal do BNG solicita da Consellaría de Sanidade que redoble os esforzos de divulgación da existencia desta posibilidade de manifestar a última vontade de cara a ter unha morte digna a través da sinatura do documento de instrucións previas.

Ademias, solicitan tamén que habilite unha Unidade do Rexistro Galego de Instrucións Previas no Hospital da Mariña a fin de facilitar a entrega deste documento de instrucións previas para equiparar a área sanitaria con calquera outra do país no referido ao tema do testamento vital.

Desde xuño de 2015, a lexislación galega regula os dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais. Con ela pretenden recoñecer a naturalidade da morte e procurar a paz ao final da vida. Para que esta situación, caso de non poder ser afrontada en plena consciencia,os profesionais sanitarios deben ter o suficiente apoio legal, a suficiente formación e os intrumentos legais que lles permitan respectar as últimas vontades.

É por iso que cómpre coñecer que o que o desexe poida deixar expresadas as últimas vontades a través dun testamento vital no que, ademais de indicar que non desexe prolongar innecesariamente a súa vida para evitar sufrir inutilmente, tamén poida facer referencia á posible doazón de órganos, etc., sempre, claro, respectando a propia autonomía e os valores de cada persoa.

O testamento vital é a única garantía que ten unha persoa de que os seus últimos desexos ante unha enfermidade terminal sexan cumpridos. A importancia deste documento radica no feito de que é o único medio de garantir o destino final dos órganos dunha persoa, posto que a posesión dunha tarxeta de donante deixa en mans dos familiares a decisión ante un falecemento. A maiores, é un documento totalmente aberto xa que os firmantes poden engadir todo o que desexen, a condición de que as súas propostas non sexan contrarias á lei vigente. Ata poden facer constar supostos futuros, como que se lles aplique a eutanasia no caso de que sexa aprobada. Tamén é posible revogar ou substituír o testamento en calquera momento.

Etiquetas