Skip to main content
Barreiros

Barreiros súmase ao Pacto dos Alcaldes polo clima e a enexía

Por 7 Abril, 2019Sin comentarios

O Concello de Barreiros ven de sumarse a esta iniciativa que agrupa a milleiros de gobernos locais, que de forma voluntaria comprométense a implantar os obxectivos da UE en materia de clima e enerxía, e é o maior movimiento mundial de autoridades para loitar contra o cambio climático.

A adhesión implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables.
Ademáis, supón a adopción de medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.
O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo. Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable. Esta folla de ruta concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e mediante esta iniciativa se poñen en práctica de xeito máis directo o ODS 13 Acción polo Clima e o ODS 17 Alianzas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
A adhesión ao Pacto dos Alcaldes, implica a adopción dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na reducción de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de aguas residuais e dos residuos sólidos urbanos.
Ademáis, dito Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao Concello para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despóis, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.
Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos 313 concellos galegos pola Direccion Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina realizará un asesoramento personalizado, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.

A Xunta de Galicia, Coordinadora do Pacto dos Alcaldes para Galicia, promove esta iniciativa europea ofrecendo apoio aos Concellos para que poidan cumprir os compromisos adquiridos a través deste pacto.