Skip to main content
ActualidadeCervo

Traballan arreo en Cervo polo obxectivo Xacobeo 2021

Por 7 Abril, 2019Sin comentarios

O Concello de Cervo, conxuntamente coas diferentes asociacións do municipio, traballan co obxectivo posto no Xacobeo 2021, impulsando e poñendo en valor o tramo que discorre polo termo municipal e que forma parte do coñecido como Camiño do Mar.

Así, o rexedor de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Turismo, Mali Méndez, e a de Cultura, Dolores García Caramés, mantiveron un encontro co tecido asociativo do Concello, co obxectivo de dar a coñecer esta ramificación do Camiño Norte “con gran valor patrimonial, histórico e medioambiental, comparable ás demais rutas que teñen como destino a capital galega”, precisaron.

A primeira actuación que se vai levar a cabo para darlle difusión a esta ruta será o vindeiro mes de maio, cando se programará unha camiñada para percorrer este tramo do Camiño ao seu paso polo municipio.

O itinerario sobre o que están a traballar pasaría polo complexo industrial de Sargadelos, por Cervo e a súa Praza do Souto, e chegaría a San Ciprián, onde se poden ver os pedazos que quedan do primeiro Camiño Real que entraba na vila procedente de Sargadelos, así como outros puntos de gran interese histórico para o peregrino; o máis destacable é o hospital de San Andrés, un antigo centro benéfico no que se acollían peregrinos, pobres e transeúntes; e que hoxe é a capela de San Andrés.

Tal como precisou Villares “no mes de maio faremos esta primeira toma de contacto con esta ruta histórica; co obxectivo de poder realizar o camiño completo a Santiago saíndo de Cervo, coincidindo co Xacobeo 2021”.

O rexedor enxalzou o traballo conxunto que se está a levar a cabo por parte do Concello e as asociacións “porque se sumamos esforzos conseguiremos o obxectivo de que o Camiño do Mar ao seu paso polo noso Concello, teña o valor e recoñecemento que merece polas súas características e pola súa historia”.

O Camiño da Mar

Trátase dunha ruta costeira que pretende poñer en contacto Ribadeo e Ferrol, que foi trazada polo peregrino Bartolomeu Fontana en 1539, tal e como quedou recollido no documento histórico “un italiano en la España de Carlos V: la peregrinación de Bartolomé Fontana. 1538-1539”.

Fontana era un peregrino italiano disposto a percorrer o denominado “Camiño Norte”; unha ruta interior máis curta que a que escolleu finalmente. Todo apunta a que terminou por cambiar o itinerario para investigar o que el mesmo denomina “per la marina”, manténdose sempre ao carón do mar ata acadar Ferrol, para máis adiante tomar o Camiño Inglés.