Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Presentación no concello do libro 'A Muralla de Ribadeo e outras historias', de Eduardo Gutierrez

Por 8 Abril, 2019Sin comentarios

O salón de plenos do Concello acolleu esta tarde a presentación do libro A muralla de Ribadeo e outras historias, do que é autor Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, foi o primeiro en tomar a palabra para explicar que “a idea de editarmos este libro ten a súa orixe na sensación compartida de necesidade de recompilarmos os diferentes artigos editados polo noso cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, así como a oportunidade de poñer ao alcance de toda a veciñanza outros traballos inéditos seus sobre a historia de Ribadeo”. Na súa intervención o edil nacionalista dixo que “Eduardo Gutiérrez é un referente dentro da variada nómina de homes e mulleres ribadenses do mundo do ensaio centro na nosa historia, nos nosos persoeiros” e engadiu que “algúns aspectos que hoxe en día non se adaptarían ao galego estándar coidamos meritorio conservalos como referente dun período cheo de afouteza para saír adiante e emprender a chama da normalización do uso do galego para todos os ámbitos, da vida en xeral, e do ensaio en particular, non cinguíndonos exclusivamente ao tipicalismo e constumismo de outrora”.

O alcalde, Fernando Suárez, na súa intervención dixo: “Señor Eduardo Gutiérrez, Cronista Oficial de Ribadeo, Señor Farruco Graña, Concelleiro Delegado de Cultura, señoras concelleiras e concelleiros presentes, amigos e migas. Cada vez que me corresponde introducir un acto deste tipo non podo evitar referirme á nosa dilatada tradición histórica. Oito séculos de vivencias colectivas dan moito de si. Mesmo podemos referirnos a diversos vestixios que confirman o asentamento en séculos anteriores de poboación nas terras de Ribadeo.Toda esta experiencia colectiva vai deixando un pouso na nosa memoria común que vai imprimindo carácter. Sendo como fomos sempre un pobo acolledor que foi medrando sobre as bases dun espírito aberto e hospitalario, bo será que lembremos a nosa historia cotián léndoa entre todas e todos e escribíndoa cada día coas nosas achegas á vida comunitaria. Cada unha das persoas que damos vida á vila e ás parroquias que conforman o noso concello imos trazando un pequeno sinal, facendo faíscas que alumean e fan refulxir o nome de Ribadeo: no noso pasado, o labrego que araba as súas terras e coidaba do seu gando, o mariñeiro que recollía as redes co froito do mar, os mercantes que sucaban os mares para levar e traer mercadorías, os artesáns que nos foron proporcionando todo tipo de aparellos para o día a día, os obreiros que fixeron casas, camiños, carruaxes e barcos, as mulleres que ao longo de séculos foron desenvolvendo un labor silandeiro (pero indispensábel, e que agora debemos facer, máis que nunca, que soe con intensidade e en primeira persoa)… Todas e todos, en fin, fomos, e imos, labrando pequenos regos nos que plantamos semente de futuro.

A historia de Ribadeo, a nosa historia, foi relatada por varias persoas de ben que procuraron ir destacando os froitos de toda a colectividade plasmándoos liña a liña en artigos diversos e libros completos. Fernando Méndez San Julián, Francisco Lanza, Juan Luis Vega Prada, Juan Carlos Paraje Manso, Antonia Lazúrtegui Cuervo ou José María Rodríguez Díaz, son varios dos moitos nomes,de xente que xa non está connosco, que teñen dedicado grandes esforzos a recoller, para as xeracións vindeiras, o noso legado, as nosas pequenas achegas que, gran a gran, van enchendo a artesa da nosa tradición. Que as familias descendentes dos grandes persoeiros, e tamén as de cidadás e cidadáns anónimos, poidan mostrar con orgullo á súa descendencia as achegas de todas as mulleres e homes ilustres de Ribadeo: velaí o obxectivo do esforzo por facer historia e gravala, negro sobre branco. Quen coñece e dignifica o seu pasado verá abrollar semente de futuro, novas ideas coas que facer proxectos para lanzar o noso presente cara a adiante sen termos que importar ideas alleas.

O 30 de maio de 2016, a Corporación Municipal do Concello de Ribadeo, reunida en sesión plenaria, acordou, por unanimidade dos seus membros, nomear a Eduardo Gutiérrez Fernández cronista oficial do Concello de Ribadeo. Consideramos que noso veciño e amigo, é un ribadense que desde sempre soubo destacar polo seu gran labor cultural. Alén da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e ao seu labor docente no mundo agro-gandeiro, Eduardo Gutiérrez Fernández desenvolveu un traballo cultural inxente no asociacionismo de base. Así, presidiu a Agrupación Cultural Francisco Lanza, deu multitude de conferencias e axudou a organizar outras que dinamizaron a vida cultural ribadense, foi organizador destacado da Feira do Libro Galego), e tamén destacou a nivel ensaístico co seu “Do vello Ribadeo”, editado pola A. C. Francisco Lanza. A intelectualidade galega do século XX, que nos visitou en múltiples ocasións grazas ao labor de persoas como Eduardo Gutiérrez, ten proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país. Para a xente nova de Ribadeo, na que eu me debo incluír alá polos finais dos setenta e comezos dos oitenta, o labor cultural desenvolvido por persoas como o noso cronista oficial resultaba vital para que puideramos tomar conciencia do Ribadeo no que nacemos e o seu valor potencial de cara ao futuro. Na miña biblioteca conservo aínda, cheo de orgullo, o exemplar do Sempre en Galiza que merquei, sendo un mociño, precisamente na Feira do Libro Galego organizada pola A.C. Francisco Lanza, e na que tanto empeño puxo, entre outros, Eduardo Gutiérrez Fernández. E cada vez que aparecía un novo artigo xornalístico seu con achegas sobre o noso pasado, era tema de conversa entre as nosas amizades.

Por todo iso consideramos que o seu continuo labor, xa agora como cronista oficial, merece o recoñecemento de todo o pobo de Ribadeo a través deste libro no que se recollen moitos dos seus traballos que tan só viron a luz como artigos xornalísticos (pero que foron revisados para a ocasión), ou tamén ven a luz outros que son inéditos. Sirva este volume para recompilar todos eses traballos dispersos e levalos polas bibliotecas galegas dando a coñecer unha vez máis a nosa historia, o noso orgullo colectivo de sermos ribadenses”.

Pola súa banda, Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo sinalou que “debo agradecerlle ao Concello que decidise editar este libro e personalizar o recoñecimento no Alcalde, que é a súa máxima representación e que xa nun anterior mandato tomou a iniciativa de reeditar, en versión facsimilar “Apuntes sobre Ribadeo” de 1884, que escrebera Méndez San Julián. Tamén lle dou as grazas ao Concelleiro de Cultura, non só pola súa iniciativa senón tamén polos labores de ánimo, suxestións e depuración e corrección das probas de imprenta, un  traballo árduo e canso. E desde logo a Xosé Anxo Fernández que deseñou a portada e aos amigos que aportaron as fotos. Inicialmente eu pensaba en editar os dous primeiros traballos que aparecen neste volume, ou sexa o que lle dá titulo e outro sobre as armas da vila, pero foi Farruco Graña quen tivo a idea de engadir os restantes até sumar vintenove, para darlle así maior visibilidade ao traballo como Cronista Oficial, circunstancia que xustifica a iniciativa.

  En canto ao contido, os dous primeiros traballos versan un sobre a muralla e outro sobre o blasón. Di Pirenne, o gran historiador da Idade Media, que a necesidade de seguridade que teñen os mercadores e comerciantes, explican a construción das murallas. É un dereito e tamén un privilexio e non se concebían as cidades  sen murallas. Tamén anota o historiador belga que a heráldica reflicte a realidade ao timbrar os blasóns cunha coroa de muros, e poida que no caso de Ribadeo esa alusión explique a chave  do seu escudo tradicional. A secuencia chave, portas, muralla, é unha posibilidade  cremos que tan  próxima á realidade  como a poética alusión  de entrada a Galiza, e desde logo máis propagandística, xa que alude á muralla e á seguridade para fomentar o comercio Por certo a cidade alemana de Bremen tamén ten unha chave no seu blasón, pero segundo os  seus propios historiadores refírese á cristianización e á advocazón da catedral da cidade hanseática a San Pedro. Afortunadamente entre os desvarios que temos estudado no noso caso, non aparece este, ainda que si outros igualmente ocorrentes, pero para iso cómpre ler o libro que presentamos. 

  Digamos que é a primeira vez que se lle dedica un estudo específico e exclusivo á cerca medieval ribadense, alentados polos restos que ainda quedan e sobre todo a documentación disponible particularmente as actas municipais. Non se conservan os libros anteriores pero si desde 1536, que se estudaron exhaustivamente así como varios expedientes do propio arquivo, consultas no Arquivo de Simancas e a información bibliográfica. Téñase en conta para datar a construción, que o P.Henrique Flórez cita un documento de 1.183 onde se fala do “vallatium”. Naturalmente o traballo que presentamos, iniciado xa hai algún tempo, estuda a fábrica do recinto, as rúas e a súa historia, a actividade, as dotacións, as portas e postigos, etc.Nunca se fixeron catas arqueolóxicas, ainda que é certo que se solicitaron. En 1988 durante o goberno tripartito na Xunta conviñeronse coa Dirección Xeral de Parimonio, que levaba o arquitecto Iago Seara unha serie de actuacións  a conta de que o Concello aceptara a declaración monumental do casco histórico e redactase un plan de protección, que se contratou coa Ofina de Planeamento da Coruña. No lote de contraprestacións a Dirección Xeral realizaria traballos de prospección arqueolóxica na Atalaia e noutros pontos. Pero a Xunta mudou e os novos tempos estragaron todo. O seguinte responsable resultou especialmente aciago, ou funesto se o prefiren, ou mais ben malfadado porque malfadar é un verbo transitivo e xa saben que precisa un obxecto directo e este foi Ribadeo, ou mellor dito o seu patrimonio, pero para estragalo. Afortunadamente isto tamén é historia.

   Como dixemos a este  escrito síguelle outro sobre o escudo de Ribadeo, do que si se ten escrito e divagado bastante, e logo hai varios sobre diversos aspectos e notas biográficas relativas ao liberalismo ribadense, un aspecto no que teño intención de seguir traballando porque este é un trazo histórico imporante no noso concello e que trascende o ámbito local. Concretamente teño bastante adiantada unha semblanza de Fernando Miranda e Olmedilla, que ten unha placa de homenaxe neste salón de sesións. No libro dedícase atención e apórtanse datos inéditos á figura de Vicente Álvarez Miranda, tamén unha curiosa liorta da década ominosa e esa relación de destacadas figuras progresistas haberá que completala, aparte da de Miranda Olmedilla, que xa citei, co máis ilustre dos seis irmáns Pasarón y Lastra que é Ramón e non só como escritor, con importantes traballos sobre a situación socioeconómica do país, senón como político, xa que foi deputado por Ribadeo de 1850 a 1852 e pola provincia de Lugo en 1854. Van tamén algúns retallos biográficos sobre figuras filantrópicas como Corona González Santos, artísticas como José Vicente Perez Martinez e Amando Suárez Couto, políticas como o alcalde Rafael Fernández Cardoso, nacionalistas como Lino Pérez ou Clemente López Pasarón e algunhas outras de non doada clasificación pero que respostan á intención de proxectar algunha luz sobre retallos da nosa historia, algúns rechamantes do ponto de vista localista como a investigación sobre os devanceiros ribadenses do pintor Francis Picabia. Rememóranse algunhas traxedias de hai un século xusto, concretamente o naufraxio do bote de salvamento Fernando Villamil, sobre o que se amorean algunhas fábulas por non calificalas de andrómenas.

   Debo rematar citando unhas palabras da miña propia Presentación: “Na composición, procuramos o rigor como característica indispensable, mesmo a costa da amenidade e, por suposto, lonxe das ocorrencias e brincadeiras impropias da materia. (…) Estamos certos de que o leitor atopará o enxeño e a agudeza nos propios feitos históricos”.

Ao acto celebrado esta tarde asistiron varios concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal, así coma representantes da vida cultura e social de Ribadeo.