Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Agade traslada á Xunta a súa preocupación ante a proposta de modificación da Lei de Costas

Por 10 Abril, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse hoxe co presidente da Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade), Roberto Fariña, para escoitar as inquedanzas desta entidade en relación á modificación do regulamento da Lei de Costas, que pretende levar a cabo o Goberno do Estado. O director de Agade trasladou á titular de Mar a preocupación desta entidade, compartida pola Xunta, xa que esta modificación do regulamento xeral de Costas pode deixar nunha situación de inseguridade xurídica a máis de 100 empresas galegas, entre conserveiras, instalacións de acuicultura e depuradoras e cocedoiros de moluscos.
Esta modificación do regulamento pretende que o prazo concesional extraordinario establecido en 75 anos se contabilice desde a data inicial da concesión, e non desde cando foi tramitada a súa renovación. Para evitalo, a Xunta aposta porque no prazo máximo de duración das concesións se teñan en conta unicamente as prórrogas e incide en que non ten sentido volver revisar as concesións iniciais cando se tramita a súa prórroga. Ao mesmo tempo, o Goberno autonómico advirte que sacar certas actividades do dominio público marítimo-terrestre pode facelas non rendibles e, polo tanto, inviables.
Nesta xuntanza a conselleira do Mar insistiu en que a Xunta defende ante todo o principio de seguridade xurídica para que os afectados non dependan de cambios arbitrarios na lexislación que poden poñer en risco a súa actividade. Tamén fixo fincapé na necesidade de definir un escenario claro e preciso no que as empresas e entidades asociativas de produtores do sector poidan continuar coa súa actividade con normalidade. Estas son algunhas das cuestións das alegacións presentadas pola Xunta ante esta proposta de modificación da Lei de Costas.