Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Desactivada a fase de alerta do Plan Camgal ao diminuir o risco de chegada de fuel do 'Grande América'

Por 11 Abril, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Xunta vén de desactivar a fase de alerta do Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) ao constatar a diminución de risco da posibilidade de que se achegasen ás costas de Galicia os restos de fuel do mercante Grande América, afundido o pasado 12 de marzo fronte ás costas de Francia.

A Xunta tomou esta decisión de xeito coordinado con Salvamento Marítimo e atendendo ás predicións dos modelos de deriva da Prefectura Marítima do Atlántico de Francia, ás observacións por satélite da Axencia Europea de Seguridad Marítima (EMSA) e aos voos de observación aérea realizados nos últimos días pola Armada e a Aduana francesas na zona do afundimento, nos que non se detectaron restos de fuel. De feito, o Executivo galego adoptou esta medida unha vez que tanto Salvamento Marítimo como a EMSA retiraron os seus medios marítimos da zona e despois de que Francia, Cantabria e Asturias desactivasen tamén os seus plans de continxencia ante a mellora da situación.

O Plan Camgal permaneceu activado en fase de alerta desde o 31 de marzo ata onte como medida preventiva ante o afundimento deste mercante fronte ás costas de Francia coa finalidade de estar preparados e dar resposta de xeito áxil no suposto caso de que os restos de fuel do mercante se achegasen ás costas de Galicia.

Ademais o buque polivalente Sebastián de Ocampo do Servizo de Gardacostas de Galicia, desprazado a Celeiro (Viveiro) de xeito preventivo para actuar no caso de que fose preciso regresará á ría de Arousa.

Tamén se retirou da zona do afundimento o buque Ría de Vigo, do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Axencia Europea de Seguridade Marítima, embarcación que se mobilizou desde o primeiro momento e que estivo nas proximidades do afundimento para controlar e recoller os restos de fuel e adoptar outras medidas en caso de que fose necesario. Non obstante, a Xunta seguirá vixilante e en coordinación con Salvamento Marítimo para actuar de xeito rápido no suposto caso de que chegasen restos de fuel a Galicia.