Skip to main content
ActualidadeViveiro

Celeiro contará cunha estación de bombeo, a optimización da depuradora e a instalación dun emisario submarino de 858 metros

Por 12 Abril, 2019Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, destacou que “grazas as xestións feitas polo equipo de goberno desbloqueamos o proxecto de saneamento da ría de Viveiro e temos o compromiso de Augas de Galicia de que se vai a licitar neste 2019. Agardamos que sexa verdade e non unha mentira máis por parte do PP. Os veciños de Viveiro levamos case 10 anos escoitando promesas incumpridas por parte da Xunta de Galicia asegurando que van a iniciar os traballos para solucionar o problema dos vertidos pero nunca fixo nada”.
Loureiro García destacou que “para o Concello sempre foi unha prioridade o saneamento da ría e por iso levamos moito tempo traballando. Dende o goberno fixemos todas as xestións necesarias para que o proxecto saíra a diante. Mantivemos reunións en Madrid con Costas e en Santiago con Augas de Galicia para que chegasen a un acordo e se iniciaran xa os traballos. Hai 5 meses, acadamos o compromiso da Directora de Augas de Galicia de que no 2019 comezarían as obras. Xa pasaron 3 meses e non temos ningunha noticia máis ao respecto. Agardamos que desta vez cumpran e non deixen na estacada aos viveirenses”.
A alcaldesa de Viveiro detallou que as actuacións previstas son dotar a Celeiro dunha estación de bombeo, un depósito de retención e pretratamento, a optimización da depuradora e a instalación dun emisario submarino de 858 metros.
A alcaldesa de Viveiro advertiu de que “non sería a primeira vez que a Xunta de Galicia di que vai acometer os traballos de saneamento e logo non o fai. Xa o fixo no 2010, cando a Unión Europea esixiu o saneamento da ría de Viveiro e o executivo galego anunciou que estarían executados os traballos en 2015, cun investimento de 5 millóns de euros. No 2016, un ano despois da data prometida, dende o Concello de Viveiro asinamos o convenio con Augas de Galicia, cunha rebaixa na inversión inicial de 2 millóns, quedando só 3 para a totalidade das obras. Nese momento a Xunta de Galicia asegurounos que estaría para o 2019, un prazo que dende o Concello agardamos que se cumpra”.
María Loureiro lamentou que “o señor Olano, durante todos estes anos de Deputado no Congreso e de Concelleiro en Viveiro, non fixo ningunha xestión para avanzar no proxecto de saneamento da ría, capital para o noso municipio e para toda a Mariña. É curioso que agora veña a Viveiro criticando a xestión do goberno municipal cando el non tivo nin a decencia de pedirlle aos seus compañeiros de partido que axilizaran o proceso e atenderan unha débeda histórica cos nosos veciños”.