Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMondoñedoRibadeoViveiro

Onte presentáronse as audioguías ficcionadas da Mancomunidade da Mariña en Mondoñedo

Por 13 Abril, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, en  Mondoñedo, as audioguías ficcionadas da Mariña en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés e o material que se elaborou para a promoción deste produto conxunto. Este proxecto levado a cabo pola Mancomunidade e o Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) conta co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia para a promoción turística do xeodestino.

No acto participaron o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano; a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; a concelleira de Turismo de Ribadeo, Ana Martínez; o tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández; o responsable da Área de Turismo na Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e a xerente de Turismo da Mancomunidade, Tania Hermida.

Na súa intervención o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, lembrou que “son as audioguías teatralizadas que comezamos o ano pasado a través da iniciativa da Mancomunidade, a través das subvencións que recibe da Deputación máis da Xunta. Estamos tratando de rentabilizar sempre o mellor posible todo o que nos dan para a promoción turística da Mariña. As audioguías veñen a complementar e a facer unha labor, penso que extraordinaria, van dar un novo servizo e unha nova axuda aos visitantes que loxicamente van vir moitos supoño, estes días, aquí por Mondoñedo, por Viveiro, por Ribadeo e polo resto da Mariña”.

Para Llano “é unha oportunidade de ir por estes pobos que teñen tanto que ensinar e facelo de maneira individual e que se poida ir apreciando todo canto se di nas audioguías e que agora mesmo teñamos a tradución a catro idiomas porque está o galego, o castelán, o inglés e o francés, polo tanto é unha audioguía moi completa. Pensamos que isto é unha fórmula máis para entre todos os da Mancomunidade axudarnos, desta maneira imos ter sempre moita máis importancia, ofrecernos e así informar a todo o mundo que somos un xeodestino, A Mariña. Os 16 concellos teñen todos moito que ofertar e debemos complementarnos entre todos. Isto das audioguías é unha primeira parte que esperamos que se poida continuar no futuro noutros concellos porque todos teñen algo que dicir”.

O presidente da Mancomunidade engadiu: “hai unha cuestión importantísima que se está dando nos últimos meses, que é unha coordinación entre todas as oficinas de turismo de todos os Concellos que o fai, a través da Mancomunidade, a xerente en materia turística, Tania Hermida. Iso é importante porque das conversas saen propostas que se van levar adiante. Hai que seguir así, hai que ofrecer A Mariña como un xeodestino único, pero coa súa impresionante diversidade que imos atopar en cada un dos concellos”.

Pola súa banda, Tania Hermida, contou que “nas oficinas de turismo imos atoparnos cuns carteis que invitan tanto aos veciños da Mariña como aos visitantes a que se mergullen un pouco na historia, nos sucesos, e en personaxes concretos de cada unha das vilas que doutra forma non poderían coñecer. A través dun código van poder acceder a unha sección que hai na páxina web coas audioguías das diferentes localidades nos catro idiomas, aí poderán tamén ampliar a información da cada unha das audioguías e como funcionan, ademais dunha introdución ao proxecto que cremos que aporta valor. Por outro lado imos ter nas tres localidades, en Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo, un folleto no que tamén se poderá ampliar a información, como na páxina web, sobre as audioguías. Con isto o que queremos facer e que nos sitios onde non se poda ter dispoñibilidade dun mp3 e duns cascos, que a xente co seu propio dispositivo móbil e uns cascos illantes poida facer o paseo de forma libre e autónoma”.

As tres audioguías: Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro teñen un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que buscan a implicación emocional por parte da persoa que escoita, provocar a curiosidade e promover que se fagan os tres paseos.