Skip to main content
ActualidadeViveiro

Viveiro formará aos membros da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero, e tamén doutros colectivos

Por 15 Abril, 2019Sin comentarios

O pasado xoves tivo lugar en Viveiro a celebración da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, formada por representantes das forzas e corpos de seguridade (Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil), dos centros educativos, do Centro de Saúde, da Oficina de Emprego, do Xulgado, dos grupos políticos municipais, por diversos departamentos municipais (servizos sociais, oficina de inmigración e CIM) e pola Concelleira de Muller, estando presidida pola alcaldesa. Esta foi a primeira reunión de traballo desta mesa, trala súa constitución o 8 de outubro de 2018.

Despois lectura e aprobación da acta anterior, na orde do día constaba como punto segundo a proposta de formación para os membros da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, que se oferta no marco do Pacto de Estado contra a violencia. Esta proposta tivo grande acollida e todos os presentes amosaron o seu interese en participar nesta formación, acordando, así mesmo, que se fixera extensible a outras persoas interesadas dos colectivos representados (aínda que non fosen membros da mesa).

Os obxectivos deste proxecto de formación son proporcionar ferramentas ás persoas membras da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, dotándoas de coñecemento teórico e práctico sobre o fenómeno da Violencia de Xénero; familiarizar ás persoas asistentes con conceptos básicos relacionados coa igualdade e a violencia de xénero; mellorar a intervención por parte destes profesionais, facilitando a detección de situacións de violencia, o tratamento coas vítimas de violencia, a redución da chamada vitimización secundaria no proceso; transmitir o coñecemento do marco legal de referencia en materia de violencia de xénero ás persoas responsables tanto da primeira atención como do seguimento, así como da prevención e a sensibilización; incrementar o grao e a efectividade da coordinación interinstitucional que contribúa á mellorar a prevención e atención ás mulleres vítimas; e acadar unha maior implicación, participación e colaboración de todos os axentes e instancias na prevención e detección de casos de violencia de xénero.

A formación será impartida por unha empresa externa, entre os meses de maio e xuño.

No punto da orde do día de rogos e preguntas, os representantes dos Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro presentaron á Mesa un rogo para que se solicite á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia a habilitación dun espazo digno como sala de espera para as mulleres maltratadas que comparecen no Xulgado.

Neste sentido, esta Alcaldía remitirá á Xunta de Galicia un escrito solicitando que se habilite a sala referida, explicando as inadecuadas condicións nas que se atopa a actual “sala de espera” e instando á adopción das medidas oportunas. Así mesmo, no escrito referido lembrarase á Xunta que este concello, tras a tramitación do expediente correspondente, na sesión plenaria de data 4 de novembro de 2015, acordou a cesión de uso gratuíto a favor da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a ampliación dos Xulgados de Viveiro, de diversos locais de titularidade municipal do inmoble sito na rúa Alonso Pérez, 50, Viveiro, cunha superficie total de 767,52 m2. Este acordo foi remitido en decembro de 2015 á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, estando a día de hoxe á espera de recibir a comunicación correspondente desa administración para poder formalizar a cesión. A tramitación deste expediente de cesión realizouse, por parte deste concello, coa finalidade de que se puideran ampliar e mellorar as instalacións e servizos dos Xulgados de Viveiro, polo que se agarda que esta cesión poida formalizarse á maior brevidade posible.