Medio Rural explica aos alcaldes de Lugo o convenio de protección das aldeas fronte os incendios

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo con alcaldes da provincia de Lugo para explicarlles os detalles da colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de protección das aldeas fronte os incendios forestais. O encontro xirou arredor da addenda ao convenio entre Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Fegamp para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, é dicir, aquelas situadas preto dos núcleos de poboación.

Así, o conselleiro explicou que en virtude desta addenda, o Goberno galego prestará apoio técnico aos concellos adheridos para que elaboren os seus plans municipais de defensa contra incendios, con ferramentas administrativas e informáticas específicas. Así mesmo, o conselleiro salientou que se axilizará e se simplificará a xestión de todos os requirimentos e notificacións que os concellos teñan que facer aos veciños en cumprimento das súas obrigas ao respecto da xestión da biomasa.

A previsión é actuar nunhas 700 aldeas de 68 parroquias de toda a comunidade autónoma no período 2019-2022, priorizando aquelas con maior problemática incendiaria. Así, está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período.

Deste xeito, aclarou o titular de Medio Rural, diante dunha faixa situada nun concello adherido, se hai un propietario coñecido e este se incorpora ao sistema público a través dun contrato de xestión, Seaga procederá á xestión da biomasa, pagando o titular do terreo unha tarifa uniforme fixada por hectárea de 350 euros.

Na provincia de Lugo son 17 as parroquias seleccionadas entre as que se atopa San Xoan de Ove, en Ribadeo.

Etiquetas