Skip to main content
ActualidadeBurela

Novas incorporacións á lista do PP en Burela para as eleccións municipais

Por 18 Abril, 2019Sin comentarios

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, deu a coñecer esta mañá catro das novas incorporacións que o acompañarán no proxecto co que busca reactivar a administración local. Ana Álvarez, Natalia Álvarez, Félix Martins e Sonia López integrarán a lista coa que o PP concorrerá aos próximos comicios locais.

Ana Álvarez, vive en Burela dende hai máis de vinte anos, onde exerce como profesional moi respectada dentro do Hospital da Mariña. Desenvolve o seu labor na actualidade como supervisora de enfermería.

Natalia Álvarez, natural de Burela, onde exerce o seu labor como arquitecta técnica. Ademais é graduada en enxeñaría da edificación.

Félix Martins é veciño de Burela moi querido e recoñecido na vila, cunha contrastada experiencia no sector da construción, exerce na actualidade como operario de ABSA e adestrador de fútbol nas categorías inferiores da S.D. Burela, onde militou como xogador.

Sonia López é veciña de Burela dende hai uns sete anos. Diplomada en Turismo. Na actualidade participa na xestión de dous dos seis hoteis de catro estrelas que existen na comarca da Mariña.

Unha lista moi renovada, que combina coa experiencia de veciños cunha “dilatada traxectoria política”

O novo proxecto do PP de Burela “trata de combinar a ilusión, a puxanza e as renovadoras ideas da xente nova coa experiencia de outros veciños e veciñas cunha dilatada traxectoria política”.

Así, Manuel Rouco adiantou que a lista contará con “once caras novas” ás que se sumarán tamén persoas con experiencia na política local e que “conxuntamente enriquecerán coa súa cualificación formativa e a súa experiencia profesional este novo e ilusionante proxecto”.

Ademais de adiantar catro das once novas incorporacións, Rouco tamén anunciou que repetirán na candidatura popular o xefe de ciruxía do Hospital da Mariña, Alberto Ramos, o empresario José Casas e o armador Justo Eijo. Estes dous últimos con experiencia en tarefas de Goberno. De igual xeito, acompañarán a Rouco, Josefa Yáñez, que exerceu como administrativa no Hospital da Mariña, e o xubilado do mundo do mar e membro de diversas asociacións da vila, Felicísimo Baño.