Éxito das Xeorrutas e do Barco Museo Reina del Carmen durante esta Semana Santa en Burela

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, fixo un balance moi positivo da Semana Santa. A ocupación hoteleira foi do 100%, as rutas xeolóxicas foron un éxito e as visitas ao barco museo Reina del Carmen incrementáronse nun 40%.

O edil burelés manifestou que “desde a Delegación de Turismo do Concello de Burela queremos facer unha valoración do que foi esta Semana Santa e temos que dicir que o balance é máis que positivo. Seguimos observando que Burela segue a medrar turisticamente. O traballo que levamos feito nestes catro anos está dando os seus resultados e os datos así o demostran. Os actos relixiosos cada vez están tendo máis afluencia de xente e teño que felicitar á organización da Semana Santa por todo o traballo que levan feito durante todo este tempo para ir consolidando e ampliando a oferta da Semana Santa de Burela, e quero reiterar a miña felicitación a toda a organización”.

Fernández Rey subliñou que “en canto aos datos hoteleiros, estamos moi satisfeitos tamén. Estivemos roldando o 100% de ocupación durante todos os días da Semana Santa, co cal cremos que é un dato moi positivo. As rutas xeolóxicas temos que salientar, o que vimos dicindo reiteradamente, que son un auténtico éxito. Conseguimos un 100% de ocupación das rutas, co cal a satisfacción é enorme e seguiremos apostando por elas. Outro recurso turístico que temos, que é un dos máis importantes cos que contamos en Burela, como é o barco museo Reina del Carmen, temos que dicir que tivemos un aumento de afluencia dun 40% respecto ao ano pasado, estamos falando dun incremento moi importante”.

O concelleiro de Turismo felicita “a todo o equipo que conformamos a Concellería de Turismo e animalos a seguir traballando así. Os datos demostran que Burela cada día vaise consolidando un pouquiño máis cunha oferta turística interesante e a xente así o está apreciando”.

Etiquetas