Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O Concello e Acisa fan un balance moi positivo da Semana Santa en Ribadeo

Por 22 Abril, 2019Sin comentarios

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, fixo un balance moi positivo da Semana Santa. Oito mil persoas pasaron este días polas oficinas de turismo da vila e da praia das Catedrais en busca de información, unha cifra que superou o récord acadado en 2017 e que se situou naquel momento en 6.500 persoas. A edil subliñou que de xoves a domingo a ocupación hoteleira roldou o 100% e un pouco menos o resto das xornadas, e que cada vez son máis os grupos organizados que chegan a Ribadeo. Nesta Semana Santa foron un total de 21. A procedencia dos turistas que estes días visitaron o concello foi de Madrid, Euskadi, Castela-León e Galicia. Polo que se refire ao turismo internacional chegou de Francia, Alemaña e Arxentina.

A edil nacionalista declarou que “rematada practicamente xa a Semana Santa, agás nalgunhas comunidades autónomas, a día de hoxe toca facer balance, un balance creo que moi positivo. A min agrádame moitísimo poder falar e comentar hoxe estes datos porque podemos falar de que Ribadeo superou as súas expectativas de visitantes en Semana Santa e que acada un dos récords históricos neste primeiro período vacacional do ano. Destacar que o ano pasado non foi un ano moi bo precisamente nestas datas, o tempo non acompañou, cousa que este ano tivemos a fortuna de que estivese moi bo tempo, que fose precisamente un dos espazos turísticos a onde acudir con mellor climatoloxía”.

A concelleira de Turismo dixo que “respecto ao ano pasado, o incremento foi enorme, pero respecto ao ano 2017 que foi un ano moi bo en canto a visitantes, como recordaran moitos hostaleiros e comerciantes de Ribadeo, este ano superamos ese récord. Se no ano 2017 tíñamos aproximadamente 6.500 solicitudes de información nas oficinas de turismo, este ano estivemos preto das 8.000, foron concretamente 7.952 persoas as que solicitaron información nas nosas instalacións durante o período total da Semana Santa. Destacar tamén que as oficinas estiveron abertas todos os días para manter a información e a distribución dos visitantes que fundamentalmente se achegan á praia das Catedrais para que percorran tamén o resto do concello, e explicarlles todas as posibilidades que poden atopar en Ribadeo que son moitas durante estes días e ademais durante todo o ano”.

Ana Martínez destacou que “respecto ao 2017, que foi xa un ano de récord, este ano acadamos estas cifras moi interesantes e creo que para analizar. En total foron preto de 8.000 consultas, pero o punto de información turístico da praia das Catedrais experimentou un incremento extremadamente relevante, recibindo 6.099 consultas que respecto ao ano 2017, o ano récord previo a este, foron 4.695 no mesmo período de tempo. Polo tanto Ribadeo segue sendo un referente en canto a turismo nacional, fundamentalmente durante esta Semana Santa é o turismo que máis nos visita, procedente das comunidades autónomas de Madrid, Euskadi, Castela-León e Galicia. Madrid segue sendo sempre o emisor fundamental do noso turismo nacional, pero destacar que as procedencias máis frecuentes ademais foron as comunidades autónomas do norte do estado. A maiores do que é o turismo nacional, Ribadeo experimenta un crecemento importante no turismo internacional durante todo o ano, de feito podemos atopar das máis variadas e diferentes nacionalidades da xente que aparece polas nosas rúas, ou mesmo a que demanda información nas oficinas de turismo. Durante esta Semana Santa, o turismo internacional estivo liderado fundamentalmente por franceses e alemáns xunto cos arxentinos, e en total demandaron información nas nosas oficinas unhas 503 persoas”.

A edil ribadense quere “destacar a importancia e o incremento do turismo organizado en grupos, que veñen a través de axencias, asociacións ou diferentes formas de viaxar organizadas, achegándose durante estas datas de Semana Santa 21 grupos de diferentes partes da xeografía española. Todo isto conleva que as rúas estiveron cheas, como moita xente puido comprobar, houbo moitísimo movemento na hostalería e no comercio, e iso tamén supón a ocupación hoteleira que durante os días centrais do Semana Santa roldou o 100% en practicamente todos os establecementos de Ribadeo, e foi un pouco menor os días previos ao xoves, venres, sábado e domingo, aínda así estivemos moi preto do 100% en toda a Semana Santa”.

Ana Martínez engadiu que “detrás de todos estes números, de toda esta consolidación de Ribadeo como destino turístico, hai moito traballo, un traballo importante dende a administración, dende o persoal que traballa no Concello, creo que as cousas non son por casualidade. Eu quero agradecerlle a esta xente que todos os días está traballando para que cando alguén pensa en viaxar teña no seu referente Ribadeo como un destino interesante, como un destino a elixir. Tamén é importante o traballo que fan os hostaleiros, os comerciantes, as persoas que día a día fan de Ribadeo un espazo con máis servizos e máis posibilidades para disfrutar, creo que todo iso ao final suma para dar a coñecer todo o territorio das diferentes maneiras que o podemos facer”.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio manifestou: “para min desde esta delegación na que teño a honra de traballar, como balance porque probablemente sexa o meu último balance de datos de turismo, creo que é unha honra ter traballado con esta xente e traballarei como poida para que Ribadeo siga sempre medrando en positivo cun turismo sostible, cun turismo que ademais sexa compatible coa vida local. Creo que aí debemos seguir traballando porque Ribadeo segue tendo moita potencialidade, porque entre todas e todos estamos traballando e construíndo esta vila, esta cidade pequena, que cada vez é máis atractiva para visitar e para vivir”.

Tamén dende Acisa fan un balance moi positivo da Semana Santa. A asociación ribadense destaca a ocupación hoteleira e o movemento rexistrado nos hoteis, nos restaurantes e tamén no comercio ao longo destes días.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinala que “estamos satisfeitos coa ocupación que roldou o 100% durante estes días, nos que non se produciron practicamente cancelacións. A climatoloxía xogou ao noso favor. Houbo moi bo tempo e iso notouse moito en Ribadeo e en toda a súa contorna”.

Para Iriarte “a Semana Santa foi boa para os hoteis e tamén para os bares, mesóns e restaurantes, que estiveron a tope de xente tanto ás horas das comidas e ceas como dos aperitivos e dos viños, ao igual que os locais de ocio nocturno. Pensamos que desde o punto de vista turístico Ribadeo vai a máis e iso nótase de ano en ano. Daba gusto saír pasear e ver as rúas e as terrazas ateigadas de xente, os paseos, o parque… en calquera recuncho de Ribadeo, do seu municipio, das súas praias podías atopar visitantes estes días”.

Sobre o comercio o presidente de Acisa di que “os milleiros de persoas que esta Semana Santa pasaron por Ribadeo tamén aproveitaron para facer compras no comercio local, no que a campaña das Panchas tamén se está a deixar sentir de forma especial, así como o inicio da época das comuñóns”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, engade que “a día de hoxe xa se consumiron no comercio de Ribadeo 17.000 panchas, é dicir 17.000 euros, mais do 40% dos que se puxeron en circulación o pasado 4 de abril. Aínda quedan 23.000 panchas para gastar ata o vindeiro 5 de maio. A cifra de gasto é maior, porque a clientela non só gasta o importe das panchas, senón que gasta máis. Estamos comprobando nestes días como esta campaña está a xerar un movemento económico destacable en Ribadeo. E aproveitamos para insistirlle á xente que ten para gastar a moeda local ata o 5 de maio, despois xa non terá valor. Aínda quedan días, pero que ninguén se despiste”.