O PP de Ribadeo ficha á concelleira que fora número un de Ciudadanos nas pasadas eleccións

O PP de Ribadeo presentou a súa candidatura nun emotivo acto celebrado o domingo, no que o alcaldable, Daniel Vega, destacou a unión do partido. A lista inclúe como número 2 á medica Elisa Rodríguez e integra á concelleira non adscrita Marta Saiz, que foi candidata á Alcaldía ribadense por Ciudadanos en 2015.

Coa presenza de todos os membros da lista e de numerosos colaboradores porque o equipo de traballo dos populares de Ribadeo está formado por 85 persoas, o acto resultou moi emotivo, sobre todo cando Daniel Vega se referiu ao ex concelleiro do Partido Popular ribadense José Duarte, xa falecido, porque a súa filla María José, máis coñecida como Sesé, forma parte da candidatura. E tamén afloraron os sentimentos nos momentos en que falou da humildade, do compromiso, da capacidade de traballo e doutras virtudes dos membros da lista cos que mantén unha estreita relación desde hai tempo.

Vega salientou que todos os membros da candidatura son ribadenses que están censados neste municipio e amosouse confiado en que o Partido Popular gobernará o Concello de Ribadeo no vindeiro mandato con maioría absoluta e incluso se referiu a algúns dos candidatos como futuros concelleiros delegados. Tamén lembrou o traballo realizado desde o seu posto de deputado autonómico e as numerosas xestións feitas para conseguir diversas melloras no municipio ribadense.

O alcaldable do PP en Ribadeo destacou que encabeza a mellor lista das que se presentan no municipio e que conta con representación da sanidade, do ensino, do deporte, da administración, do comercio, da hostalería e do rural compaxinando xuventude e experiencia. Ademais anunciou que cando chegue a Álcaldía non ocupará ningún outro cargo para dedicar todo o seu tempo a traballar por e para o Concello ribadense.

A candidatura está por formada polas seguintes persoas, por esta orde: Daniel Vega Pérez, Elisa Rodríguez Sanjurjo, Begoña Sanjurjo Santar, Elena Sierra Pulpeiro, Inocencio Rodríguez González, Marta Saiz García, Justo Pedro Suárez Conde, Montserrat Seijo Díaz, María José Duarte Fanjul, Jesús Ángel González García, Ana Docobo Fernández, Manuel Silveira Valledor e Lorenzo García Eiras. Como suplentes figuran María Ángeles López Vior, Eulogio López Díaz e Pedro Muruais Fernández.

Etiquetas