O PSdeG presenta a súa candidatura “para seguir traballando polo futuro do Valadouro”

O PSOE presentou este domingo a súa candidatura ao Concello do Valadouro para as vindeiras eleccións municipais que encabezará o actual Alcalde socialista, Edmundo Maseda. Fíxoo nun acto no que participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a candidata ao Congreso, Sonsoles López Izquierdo, e o candidato ao Senado, César Mogo.

O rexedor socialista agradeceu a confianza dos seus compañeiros de partido para liderar outra vez a lista do PSOE. Edmundo Maseda explicou que “dende que chegamos ao Goberno O Valadouro mudou e avanzou. Pasamos da parálise e dun Concello sen liquidez, que non tiña nin para pagar as nóminas dos traballadores, a un municipio dinámico e que conta, na actualidade, con máis de 700.000 euros de remanentes. Pero o compromiso deste equipo de Goberno foi sempre facer do noso Concello un lugar atractivo para que as familias desenvolvan o seu proxecto de vida. E o fixemos poñendo facilidades a todas esas persoas, por exemplo, xeramos máis de 200 novos postos de traballo, ofrecemos o Banco de libros, que son gratuítos para todos os nenos do colexio dende os 3 anos, o programa Madrugadores, dinamizamos as escolas deportivas cunha ampla programación de actividades… todas estas iniciativas conlevaron que o colexio pasara de ter 80 alumnos a 140, un 80% máis. Outro dos nosos eixes de actuación é a atención profesional aos nosos maiores a través do SAF Básico e a Telesasistencia gratuíta. Coa axuda da Deputación aumentamos o número de horas, das 8.000 cando chegamos á alcaldía, ás preto de 40.000 na actualidade. Estas medidas definen o proxecto dos socialistas, próximo aos veciños e que atende as súas demandas”.

Melloras no rural e en prestacións públicas

Edmundo Maseda subliñou que “melloramos os alumeados públicos do rural, aforrando aos veciños preto de 50.000 euros ao ano en facturas de luz; novas traídas de auga, acondicionamos saneamentos, renovamos os camiños e accesos municipais, dotamos dun completo parque móbil ao Concello, destinamos axudas a todas as asociacións de veciños do municipio…e no próximo mandato seguiremos esta liña de traballo para que os veciños que viven no rural teñas os mellores servizos e infraestruturas”.

“A Xunta non se acorda do Valadouro dende o 2009”

O rexedor socialista denunciou o abandono por parte do PP no goberno galego, “dende o 2009 non se acordan dos veciños do Valadouro. Non fixeron nin un só investimento nestes 10 anos, pero logo o señor Balseiro ten a cara de vir ao Concello a sacarse unha foto vendendo actuacións do Fondo de Compensación Ambiental, é dicir, de gastos correntes que pertencen aos veciños do Valadouro. Non moveron nin un papel para impulsar o proxecto do Polígono Industrial e levamos 4 anos solicitando unha motobomba cando somos unha potencia forestal. E tal a desatención por parte do Partido Popular que levamos dende o 2011 agardando a contestación de Augas de Galicia para desenvolver unha nova captación de auga. Isto é o que lle importamos, nada”.

O PSOE goberna para todos os veciños

“Presentamos unha candidatura continuista e equilibrada, con varias incorporacións novas para avanzar no proxecto dos socialistas e seguir gobernando para todos e cada un dos veciños do Valadouro”, destacou o Alcalde. A lista dos socialistas está formada por Edmundo Maseda Maseda, Josefina Geada Losada, Iago Fernández Pena, María Mon Geada, Manuel González Martínez, María Pilar Vázquez Hermida, Esteban Arturo Prieto Ferreiro, Ana Belén Rega Rodríguez, José Antonio Cuba Manase, Vanessa Vázquez Vázquez, María José Santiso Campo. Suplentes: Servando García Balmayor, Alejandro Teijeiro Barreira, Luis Pernas Balseiro, José Ramón Santiso Pérez, María Xosé Barreira Goas.

Etiquetas