Skip to main content
ActualidadeFoz

Javier Castiñeira repite como cabeza de lista do PP de Foz para as eleccións municipais

Por 24 Abril, 2019Sin comentarios

O presidente do Partido Popular de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anuncia que na candidatura para as eleccións municipais de maio acompáñano os actuais concelleiros Pedro Fernández Manín, Antonio Hermida e Ánxel Paleo. Na lista, que tamén incorpora varias caras novas, non figura a edil Mercedes González porque “esperamos que sexa elixida deputada no Congreso”, di Javier Castiñeira. 

O presidente do PP de Foz e actual alcalde manifestou hoxe: “Pedro Manín, o actual primeiro tenente de alcalde do Concello de Foz, Antonio Hermida e Ánxel Paleo, os tres son actuais concelleiros do Partido Popular e acompañaranme na candidatura do PP de Foz. Para min son tres valores fundamentais que aportan experiencia e proximidade, tres puntais importantes que coñecen perfectamente as necesidades do pobo e que estes últimos anos lles serviron precisamente para ter un coñecemento do núcleo urbano e das parroquias moi importante”.

Castiñeira adianta tamén que “nos próximos días iranse presentando diferentes novidades, que as hai nesta nova candidatura do Partido Popular, caras novas que se unirán á veteranía destes tres concelleiros. Estamos contentos porque se fixo unha lista variada, con experiencia e con xente nova, con moita xuventude, pero é certo que as candidaturas deben ter unha cimentación importante e para elo presentamos a estes tres concelleiros actuais que son veteranos e coñecedores da actual realidade do Concello de Foz”.

O responsable do PP focense explica que “a actual concelleira de Política Social e Sanidade e tamén candidata ao Congreso do Partido Popular, Mercedes González, non estará este ano na lista municipal posto que entendemos que Mercedes vai ser unha das persoas que vai estar aí representándonos no Congreso dos Deputados. Entendemos que o Partido Popular vai formar goberno durante estes próximos catro anos e para nosoutros vai ser importante ter unha persoa da nosa confianza no Congreso dos Deputados e no equipo de Pablo Casado”.