Nova edición da Festa de Exaltación da Carne de Porco e da Foliada de Cervo o vindeiro 11 de maio

Por quinto ano consecutivo, a A.C.R. Fervenza de Sargadelos celebrará a Foliada de Cervo o vindeiro 11 de maio. Haberá actividades gratuítas e música durante todo o día.

Pola mañá, ás 11:30 horas dará comezo o obradoiro de regueifa a cargo de Lupe Blanco e Manolo Maseda, quen se encargarán, ademais, de amenizar a sesión vermú xunto co grupo Dorna de Dorneda (Oleiros). Ao mediodía poderanse degustar diferentes tapas polos bares de Cervo. Pola tarde, ás 16h 30 darán comezo os obradoiros de canto e pandeireta (para os miúdos) e de baile tradicional.

A foliada, na cal participarán grupos da Mariña e mesmo do Ortegal, amenizará a XIII Festa de Exaltación da Carne de Porco, organizada por Airiños do Xunco, e empezará ás 20h. Así, durante o serán, repartiranse racións de chourizo, churrasco, pan e viño para degustar a carne de cocho.

O prato forte chegará ás 23 h co concerto das Tanxugueiras. Ademais, haberá feira, sorteos e queimada.

Etiquetas