Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O vindeiro 1 de maio terá lugar o VIII Festival Infantil de Amigos da Gaita de Ribadeo

Por 26 Abril, 2019Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O vindeiro 1 de maio a Asociación Amigos da Gaita de Ribadeo terá o seu VIII Festival Infantil no Cine teatro da vila.
O evento comezará ás 17:30 e nel participarán máis de medio cento de nenos e nenas das escolas da asociación. Divídense en catro categorías: Arroliños, con nenos e nenas de 3 a 5 anos, Pícaros de 6 a 9 anos, As Tarabeleiras, grupo de nenas de 9 a 11 anos e por último As Ruliñas de 12 a 18 anos.
Estarán acompañados polo grupo de gaitas da asociación. As actuacións de baile intercalaranse tamén co grupo de gaitas infantil e grupo de pandereteiras.
A Asociación Amigos da Gaita de Ribadeo naceu aló polo ano 1962 da man de Carlos Suárez Couto con dous fins moi concretos, crear un dos primeiros grupos de gaiteiras de Galicia e erixir na Atalaia de Santa Cruz, mirador de Ribadeo sobre a Ría do Eo, un monumento en pedra granítica, cincelada polo escultor ourensán Faílde, en memoria do gaiteiro galego, monumento que é o único no seu xénero existente no país.
Son tamén os organizadores do Día da Gaita Galega, o primeiro domingo de agosto, coincidindo coa xira de Santa Cruz, un festival popular folclórico que está recoñecido de Interese Turístico desde 1980 e que se desenvolve ó amparo da fraga que rodea o Monumento ó Gaiteiro Galego.