Ribadeo inaugura hoxe a exposición homenaxe a Suso Peña que estará aberta ata o 25 de maio

A Concellaría de Cultura inaugura mañá, sábado, a exposición en homenaxe ao debuxante Suso Peña. Será na oficina de turismo, ás 18:30 horas. A mostra, na que tamén haberá obras doutros artistas da comarca e da provincia, permanecerá aberta ata o 25 de maio e leva por título Suso Peña. Mestre de Vida e Soños. No acto de inauguración de mañá participarán o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.

O edil de Cultura ribadense anunciou que “este sábado, 27 de abril, ás seis e media da tarde, inaugurase a exposición Suso Peña. Mestre de Vida e Soños que vai estar aberta ata o sábado 25 de maio, na sala de exposicións de Turismo”.

Farruco Graña explicou que “esta mostra se encadra nas actividades que, desde o Concello de Ribadeo en colaboración co asociacionismo cultural de base do noso concello e a asociación mariñá Tá en Artes, estamos a desenvolver para honrar a figura de Suso Peña. Tamén nesta exposición presentaremos o catálogo da mesma no que colaboraron amigas e amigos do noso veciño e artista”.

O concelleiro engadiu que “ademais da obra do propio Suso Peña tamén contamos con obras de Siro López, Mauro Leivas, Xoan Guerreiro, Fernando Páez, Caxigueiro, Javier Peña, Alberto Guitián, Eduardo Baamonde, David Rivas Peña, Lucía Vila, Juanel, Toni Deaño, Lugilde, Jaime Cepola, Xosé Vizoso, Monlongo, Celso Dourado, Miguel Anxo Prado, Ana Uría, Antonio Saavedra, José María Martínez, Kike Díaz, Juan Puchades Quilis ou Isidro Alvariño”.

Graña dixo que “todas as persoas que coñecemos a Suso Peña, ben persoalmente ben a través da súa obra, temos unha excelente ocasión para renderlle homenaxe desde este sábado, 27 de abril, ao artista, veciño e excelente amigo Suso Peña, mestre de vida e soños”.

Etiquetas