A CIG chama a saír á rúa en San Cibrao o 1 de maio para recuperar os dereitos perdidos

A CIG fai un chamamento para “tomar as rúas” este 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para esixir un cambio real nas políticas laborais e económicas impulsadas coa desculpa da crise económica e que derivaron nun salvaxe recorte de dereitos laborais, sociais e económicos . A marcha, que na Mariña se desenvolverá en S.Cibrao, sairá dende a Casa do Mar desa localidade ás 12.00 e faráo baixo o lema: “Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas”.

As novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un incremento das discriminacións de xénero, ao que se lle suma o desmantelamento da nosa industria, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.

Nese senso a localización elexida nesta ocasión non é casual e pretende poñer no foco a problemática dunha actividade electrointensiva tan importante para a comarca como a fábrica de Alúmina -Aluminio sobre a que vemos como ano tras ano temos enriba a espada de Damocles por un sistema perverso que prima os intereses das grandes eléctricas poñendo en risco miles e miles de postos de traballo.

Como cada ano ao remate da manifestación haberá un xantar de confreternización para o que é preciso anotarse con antelación podendo facelo no número 982 581 861

Etiquetas