O teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá dúas representacións dramáticas esta fin de semana

O vindeiro sábado día 4 de maio o grupo teatral Os Naufragos Teatro presentará no Teatro Pastor Díaz de Viveiro a súa obra Castrapo ás 20:30 horas da tarde. Está dirixida a un público adulto.

Daniel, escritor galego emigrado a Madrid, volve á terra logo da morte de seu pai, con quen non mantiña unha relación fluída. No camiño encóntrase con Rosa, que colle o mesmo tren que Daniel con destino A Coruña. Nesta viaxe a Galicia atópase co seu pasado e coa necesidade da procura das súas raíces. Unha viaxe á súa orixe.

Castrapo fala do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.

Ao día seguinte, o domingo 5 de maio terá lugar tamén no Teatro Pastor Díaz ás 19:30 horas a representación de Sainetes e poesía escénica do grupo Andanzas Viveiro.

O teatro e a poesía van da man nesta ocación, poñendo en escena tres sainetes cómicos e un recital de poesía dramatizada. A poesía é a gran esquencida nos escenarios, e nesta ocasión toman personalidade e voz poemas de moi distintos poetas, onde está tamén representada a poesía galega . O poeta nado en Ferrol, JJ. M. Ferreiro,lerá algúns dos seus propios poemas. No teatro a voz faise poesía, e a poesía convértese en teatro, cando é interpretada.

Etiquetas