A Xunta recorta o persoal das ambulancias medicalizadas de Foz e Monforte

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, denunciou este luns que “o PP ataca unha vez máis á sanidade pública da provincia. A Xunta de Galicia recorta persoal das ambulancias medicalizadas de Foz e Monforte de Lemos”. Santos Ramos advertiu que no novo concurso público de servizos de transporte sanitario urxente da Xunta de Galicia, que está en fase de licitación, o persoal das ambulancias de toda a Comunidade Autónoma estará composto por 2 técnicos de emerxencias, un médico e un enfermeiro como ata agora excepto nas ambulancias de Foz, Monforte de Lemos e O Salnés, onde o PP suprime un destes técnicos nos pregos.

Santos Ramos explicou que “Foz era unha das 10 ambulancias medicalizadas e será a única que vexa recortado o seu persoal, mentres que Monforte de Lemos contará cun novo servizo infradotado. Trátase dun desprezo máis do PP aos veciños da provincia de Lugo”.

Este servizo atende patoloxías tempodependetes, é dicir, onde a vida dos doentes corre perigo, e con este novo recorte da Xunta de Galicia non se pode asegurar a calidade das persoas. Por exemplo, en caso dunha parada cardíaca, dun accidente de tráfico ou dun afogado son necesarios os 4 profesionais para mobilizar ao usuario, colocalo na cadeira ou realizar as técnicas necesarias nese momento.

O Secretario Provincial censura que esta decisión do PP na Xunta de Galicia trátase dun novo agravio comparativo, empeorando drasticamente a calidade asistencial destes dous Concellos e por conseguinte da Mariña e do Sur da provincia.

Etiquetas