O Pazo de San Marcos recibe ao Pescados Rubén Burela FS, tras acadar o ascenso á primeira categoría

O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, o Vicepresidente do Pescados Rubén Burela FS, José Luis Saez Castro, xunto con outros membros da directiva, recibiron, este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, aos xogadores e ao corpo técnico deste equipo. Fixérono nun acto de recoñecemento ao seu traballo, tras acadar o ascenso á Primeira División do fútbol sala nacional o pasado 13 de abril.

Santos Ramos agradeceu ao equipo e tamén ao seu patrocinador, “o esforzo e o traballo que realizaron durante toda a tempada para acadar este éxito. O equipo xa ten fixado o seu próximo reto que é pelexar por revalidar a Copa Galicia XXVIII. Dende o Goberno da Deputación, é un orgullo recibir aos futbolistas do Pescado Rubén Burela FS, o único equipo de España que conta co equipo masculino e tamén feminino na máxima categoría do fútbol sala”.

Pola súa banda Rivera Capón, felicitou a todo os xogadores e remarcou que “colaboramos co Pescados Rubén Burela Fútbol Sala posto que leva á provincia de Lugo por todo o territorio nacional. Nunha vila de apenas de 10.000 veciños, este equipo colleitou grandes éxitos, e de seguro seguirano facendo. Ademais, gustaríame sinalar que o deporte lucense está de celebración pois o equipo masculino Emevé acadou tamén o ascenso a primeira categoría. Desexámoslle a mellor das sortes e tamén ao Cafés Candelas Breogán e ao Club Deportivo Lugo na súa loita por manterse na categoría”.

O Vicepresidente do club destacou que o equipo non so conseguiu o ascenso se non que gañou a liga da Segunda División de Fútbol Sala, unha competición que normalmente gañan os filiais dos grandes equipos, que non teñen a posibilidade de ascender.

O club

Esta entidade deportiva comezou a súa andaina no 2001 coa sección masculina e foi incrementándose chegando a conformar en 2008 a categoría feminina. O Club conta con máis de 200 xogadores, facendo un importante labor de integración social. As  compañeiras do equipo feminino, compiten na Primeira División Liga Foro 16 Feminismo. As categorías inferiores do Pescados Rubén de Fútbol Sala integran a máis de 140 rapaces de 9 nacionalidades estranxeiras, sendo Cabo Verde o país máis representado con 18 xogadores.

Etiquetas