Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXACervoSociedade

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña celebra o 4 de maio a súa gala benéfica en San Cibrao

Por 3 Maio, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña” celebrará o vindeiro sábado, 4 de maio, unha gala benéfica para celebrar os seus vinte anos de vida, baixo o lema “XX anos comprometidos coa saúde mental”.
O evento, que terá lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos en San Ciprián, a partir das 20:00 horas, contará con numerosas actuacións  e tamén con unha cea que se servirá a partires das 22:00 horas. Despois da benvida ás 20:00 horas haberá a actuación de Arume, grupo folclórico de Burela composto por máis de 20 integrantes.  Ás 20:30 horas, actuación de A Rebolaxe, grupo folclórico de San Ciprián, composto por máis de 25 integrantes.
Ás 21:00 horas terá lugar a actuación de Izquierdo Sisters, grupo formado polas actrices Lucía Veiga e Marita Martínez, especialistas en traballo teatral coa  técnica de improvisación e nos beneficios de esa técnica para o desenvolvemento mental; unha maneira de facer comedia e humor moi especial.
Logo do discurso institucional, ás 21:30 horas, actuarán os Foolmakers un grupo de catro psiquiatras do Hospital de Lugo con formación musical que se xuntaron cun profesor de baixo da escola de música Fábrica de Sons para tocar, nun principio, nas Jam Sessions que a escola organizaba no Club Clavicémbalo. O grupo neses momentos quedou formado por Paula Cores (voz) Luís Vila (piano) Luís González (guitarra e voz), Isidro Gómez (batería) e  Carlos Doval (baixo). En Xaneiro de 2019 o guitarrista foi remprazado por Sergio Abuín. No 2018 sacaron o disco chamado  “Un polbo en San Froilán”)
Durante a cea, que se servirá ás 22:00 horas tocarán os “Acordeonistas da Mariña” e logo do convite terá lugar o segundo pase das Izquierdo Sisters. O baile dará comezo ás doce e media da noite coa Orquestra Tapi öka, unha orquestra xove e con moita forza e enerxía, que naceu hai 3 anos na costa de Lugo, ofrecendo música e  baile para toda clase de público, deixando a pel en cada actuación coa xira “Escucha la llamada”.
María José Nóvoa , como directora técnica xeral da entidade, xunto con Jorge Manchado, presidente da entidade,  quere agradecer,  especialmente ao Concello de Cervo a súa colaboración para que esta Gala, na que están a depositar tantas ilusións, sexa unha realidade “contribuíndo sempre coa súa sensibilidade a visibilizar a este colectivo e as enfermidades mentais, e a loitar contra un estigma social que aínda se detecta hoxe na nosa sociedade”. Colaboración na que contan con todos os recursos do Concello postos á nosa disposición.
O encargado de elaborar e de servir o menú -a base de empanada caseira, lagostinos, carrilleiras, torta de San Marcos, viño, refrescos e café- será o Restaurante “O Noso Lar”.
No transcurso da  Gala tamén haberá o sorteo dunha viaxe, presentarase un número especial da revista Agarimo, revista que elaboramos dende hai moitos anos e que ten un gran significado para todos nós.
Os nenos, contabilizados en gran número tamén o pasarán ben nesta festa xa que contarán con animación infantil, pintacaras, xogos, etc…
E por suposto , non nos podemos esquecer do Fotomaton para levar o recordo deste día, así como de escribir no libro de firmas, ou visualizar fotos destes 20 anos de vida.
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña”
A entidade, cos seus Centros de Rehabilitación psico-social e laboral, situados en Burela e Ribadeo, así como co piso protexido, trata de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen un trastorno mental crónico e das súas familias.
A apertura da Unidade Residencial en Cervo, así como a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, supuxeron  un adianto cuantitativo en canto a dar cobertura integral a moitas persoas diagnosticadas de enfermidade mental crónica que precisan dunha  atención residencial integral.
A súa misión é, pois, prestar unha asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente para lograr a súa rehabilitación, así como á das súas familias, na Area Sanitaria da Mariña de Lugo, así como a nivel autonómico; xa que temos usuarios/as procedentes de toda a Comunidade Autónoma,  sempre tendo en conta os  valores de  profesionalidade, transparencia, traballo en equipo, eficacia, afecto, comprensión,  implicación e seguridade.
As Enfermidades Mentais
As enfermidades mentais representan unha importante carga para os pacientes que as padecen e  para as súas familias.  Na súa inmensa maioría, aparecen en idades produtivas da vida, tendo un alto impacto social en termos de taxa de desemprego, absentismo laboral e perda de produtividade no traballo.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que unhas 700 millóns de persoas no mundo padecen enfermidades mentais e neurolóxicas.  Polo tanto, son enfermidades que padece unha gran parte da poboación; é  máis,  o 25%  dos españois sofre alomenos un trastorno mental ao longo da súa vida.
O tratamento das enfermidades mentais precisa dunha abordaxe global que inclúa atención médica, farmacolóxica, psicoterapéutica e familiar;  dende a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” queremos visibilizar  o noso compromiso pola saúde mental.
20 anos  é un punto de inflexión pero é importante destacar que seguiremos traballando para mellorar e ampliar os servizos que ofrecemos ó noso colectivo, colectivo vulnerable que necesita do apoio e comprensión por parte de toda a sociedade e que aínda hoxe en día ten que loitar contra o tan temido estigma social.
“Por iso debo dar as grazas a toda a nosa contorna , a todos eses veciños e veciñas de todos os lugares da Comarca da Mariña, polo apoio que nos prestades sempre que temos unha iniciativa social.  A tod@s os que aportades o  voso grao de area para seguir loitando pola mellora de calidade de vida do colectivo.  Estou segura de que se amosamos a nosa sensibilidade e solidaridade faremos pouco a pouco mudar o Mundo, creando unha sociedade máis xusta, sensible e implicada. Fagamos entre tod@s que a integración sexa unha realidade!”