Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Acisa Ribadeo pide responsabilidades a Viesgo polos continuos cortes de luz que se rexistran dende hai dúas semanas

Por 3 Maio, 2019Sin comentarios

Acisa Ribadeo pide responsabilidades a Viesgo polos continuos cortes de luz que se están a producir desde hai dúas semanas. Os últimos rexistráronse ás seis da mañá e ás 13:27 do mediodía de onte.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo considera lamentable que “en pleno século XXI teñamos que sufrir unha semana si e outra tamén micro cortes de luz en Ribadeo, con todo o que iso supón para as empresas”.

Desde Acisa sinalan que “non entendemos o que está a pasar cando ademais contamos cunha nova subestación eléctrica, que se supoñía que ía poñer fin a toda esta problemática, que xa é moi vella, e que desgraciadamente continúa. Cada vez que se producen estes cortes de luz recibimos na nosa oficina ducias de chamadas dos nosos asociados e asociadas queixándose dos danos e prexuízos que todo isto lles ocasiona”. 

Acisa tamén demanda da atención das diferentes administracións públicas: “ás administracións públicas o que lles pedimos e que tomen medidas para que estes cortes de luz non volvan producirse en Ribadeo. Non houbo nin hai temporais nesta época do ano en Ribadeo e polo tanto non entendemos porque se seguen a producir estes feitos no noso concello”.

Desde Acisa engaden: “levamos dúas semanas sufrindo estas incidencias e queremos que Viesgo se responsabilice da mala calidade do servizo que está a prestar en Ribadeo e dos danos causados con estes cortes aos nosos asociados e asociadas”.