Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Ás oito da tarde comezará a homenaxe que o concello de Ribadeo lles rende ás corporacións municipais democráticas

Por 3 Maio, 2019Sin comentarios

O salón de plenos do Concello acollerá esta tarde, ás 20:00 horas, un acto de homenaxe ás concelleiras, concelleiros e alcaldes que formaron parte das Corporacións Municipais Democráticas de Ribadeo desde 1979 ata a actualidade. No evento intervirán os voceiros e voceiras dos grupos políticos que forman parte da actual Corporación Municipal, o cronista oficial de Ribadeo e o ex alcalde da primeira Corporación da democracia. Haberá acompañamento musical nesta tarde de homenaxe na que os edís recibirán como agasallo unha enseña conmemorativa.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “hoxe á notiña, a partir das oito da tarde, imos celebrar este acto tan emotivo de renderlle homenaxe aos homes e mulleres que formaron parte das diferentes Corporacións Municipais de Ribadeo en todo este período democrático de corenta anos, de 1979, data das primeiras eleccións municipais democráticas despois da ditadura franquista, ata o día de hoxe 2019”.

O rexedor ribadense subliñou que “nestes corenta anos foron moitas as Corporacións, eu penso que non hai máis alta honra que a de representar aos veciños seus, aos veciños e ás veciñas dun concello, e este acto de lembranza e de memoria compartida quere ser un homenaxe e un recoñecemento nun acto sinxelo, pero ao mesmo tempo sentido e agarimoso”.

Suárez Barcia comentou que “neste acto teremos tamén a participación dos voceiros dos diferentes grupos de goberno da Corporación Municipal actual, así como unhas verbas do cronista oficial de Ribadeo e do ex alcalde da primeira Corporación democrática. Estou convencido que nesta noitiña se vai encher o salón de plenos municipal outra vez, e moitísima xente que nos representou ao longo destes corenta anos de historia democrática hanse sentir reconfortados de estar de novo no salón de plenos municipal”.