As obras de Manuel Bujados protagonistas da Biblioteca Municipal de Viveiro grazas ao apoio da Deputación

A exposición Bujados: bosquexos, poemas e documentos inaugurouse este sábado na Biblioteca Municipal de Viveiro, e inclúe unha colección de apuntamentos, bosquexos e debuxos orixinais do artista Manuel Bujados. A exposición  estará  aberta ata o 2 de xuño en horario de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas e o sábado de 11:30 a 13:30 horas. A mostra está organizada pola Deputación de Lugo, a Rede Museística Provincial e o Concello de Viveiro.

Bujados: bosquexos, poemas e documentos fundaméntase no legado que María Luísa Blasco Bujados, sobriña do artista, entregou ao Museo Provincial de Lugo no 2016. Trátase dunha colección inédita e de gran importancia para profundar no coñecemento da obra de Bujados, no seu proceso creativo e na súa dedicación profesional á ilustración. A colección recibiu un tratamento de conservación por parte do persoal técnico especializado do Museo Provincial de Lugo.

Este legado, xunto coa colección de Bujados que estaba exposta na sala 24 do Museo Provincial, converte ao museo na institución con maior número de obras orixinais e nun lugar de referencia para estudar, analizar e desfrutar da obra de Manuel Bujados.

Manuel Bujados

O pintor e debuxante nado en Viveiro no 1889, comezou a súa actividade artística publicando poesía, contos e novelas curtas. Participou na exposición de artistas galegos organizada polo Centro Galego de Madrid; no Salón de Humoristas e na exposición rexional de artistas galegos celebrada na Coruña, estas foron as primeiras exposicións que levaron a obra do artista dentro e fóra do país. Manuel Bujados foi o principal representante do modernismo sensual.

Etiquetas