Cervo convida a asistir á XIII Festa de Exaltación da Carne de Porco e a V Foliada este sábado

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, xunto con representantes de Airiños A.C. Airiños do Xunco e a A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, presentaron a XIII Festa de exaltación da carne do porco e a V Foliada que terá lugar na Praza do Souto, en Cervo, o vindeiro sábado 11 de maio.

A cita musical e gastronómica está organizada por estes dous colectivos, coa colaboración do Concello de Cervo.

A Festa comezará ás 11:30 horas cun obradoiro de regueifa a cargo de Lupe Blanco e Manolo Maseda; ás 13:30 horas será a quenda da sesión vermú amenizada con regueifas e polo grupo tradicional Dorna (Dorneda). Haberá venda de bolos preñados no bar da carpa, e os distintos establecementos ofrecerán tapas que terán como denominador común a carne de porco:

  • Caseto de Copa: raxo con salsa de champiñóns e carrilleiras ao viño tinto
  • Bar Figuerido: lingua estofada e morro ao caldeiro
  • Pousada O Almacén: manitas de ministro e callos
  • A Sacabeira: lacón cocido e orella

Xa pola tarde, desde as 16:30 horas, haberá un obradoiro de canto e pandeireta para a rapazada e outro de baile.

As actuacións musicais regresarán a partir das 19:45 horas, coa actuación de diferentes agrupacións da zona como 7 meigas e un meigallo (CEIP Península da Paz, San Ciprián), A Rebolaxe (San Ciprián), As Maiolas (San Ciprián), Cantareiras de Valdeflores (Xunqueira), Cordenaia (Cervo), Grileiras da SCR Ledicia (Burela), Os do 21 (O Vicedo), Saíñas (Xove) e Troula Stone (Terras de Ortegal e A Mariña). Xa a partir das 23:00 horas terá lugar a actuación de Tanxugueiras (achegan o mundo da pandeireta e do baile dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor).

Ás 20:00 horas será cando dea comezo a festa gastronómica de Exaltación da Carne de Porco, con venda de racións de churrasco, chourizo, pan e viño a 7 euros.

Ademais haberá queimada, sorteos e feira de artesanía.

Etiquetas