Skip to main content
ActualidadeBurelaMar AMARIÑAXA

A XVIII Feira Expomar arrincou este xoves en Burela

Por 9 Maio, 2019Sin comentarios

Coa inauguración oficial deu comezo este mediodía a XVIII Feira Monográfica Náutico-Pesquera Expomar 2019, que se celebra na nave de redes do peirao burelés. Nese acto interviñeron o alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Llano dixo que “esta feira Expomar é necesario facela porque hai que darlle protagonismo ao sector náutico pesqueiro, renovar o compromiso con eles, que se sintan ben porque é importantísimo nos aspectos económico, no socio laboral, no cultural e incluso no industrial. Polo tanto é responsabilidade de todos: das institucións, das empresas, da sociedade civil, … empuxar e considerar que este é un sector básico en Galicia, na Mariña e en Burela. Temos que traballar por el, temos que defendelo, hai unha referencia clara, é un aspecto que temos que prolongalo no tempo, que sexa infinito, dunha maneira sostible para seguir aí, facilitar o relevo xeracional e, sobre todo, seguir navegando e pescando en todos os mares do mundo”.

Para o presidente da Fundación Expomar “tamén é necesario facer esta feira náutico pesqueira porque o sector aquí, neste recinto, vai ver claramente as novidades que hai para este ano. Estiven vendo que realmente hai moitas cousas que chaman a atención porque son innovadoras, non cabe dúbida que houbo innovación e desenvolvemento. E o sector pesqueiro ten que ser o primeiro en ver estas novidades que hai en propulsores, electrónica, seguridade, como se constrúe un barco, … aquí podemos ver todo isto perfectamente, ter as ideas claras e saír moi ben informados”.

Alfredo Llano manifestou: “outra cousa que quero destacar é que Expomar non é soamente o que hai no recinto feiral, que é moi interesante, senón que tamén hai  as xornadas técnicas, que imos comezar hoxe ás cinco da tarde cun tema específico, que é o sistema socio laboral, e mañá abordarse a xestión pesqueira. Quero invitar a todo o mundo a que acuda a partir das cinco da tarde porque se vai dar a coñecer un estudio socio laboral que se fixo aquí, na flota de Burela, por iniciativa da OPP. Eu creo que é un indicativo claro de cómo está a situación laboral neste porto, pero pode trasladarse seguramente a outros. É unha iniciativa extraordinaria que agradecemos. Tamén vai estar Cepesca cun plan estratéxico da cuestión socio laboral e ademais imos tratar sobre a política pesqueira común, a través de dunhas canles: a patronal e a sindical. Polo tanto a temática de hoxe é interesantísima”.

O rexedor e presidente da Fundación Expomar seguiu a relatar que “tamén é moi interesante o de mañá para o sector pesqueiro porque vanse tratar temas recorrentes dos últimos anos: os descartes, o Brexit e un tema que nos debe preocupar como son os retos e os desafíos do sector pesqueiro para os próximos dez anos, no que van aparecer temas ecolóxicos, de caladoiros, de repartos, … Creo que vai ser moi interesante e tamén vai haber outra cuestión, derivada da política pesqueira común, sobre ese tema. Por tanto vamos ter dous días interesantísimos nese aspecto. E tamén haberá o encontro empresarial mañá pola mañá, que é decisivo pois sempre se sacan unhas conclusións moi boas, aquelas que realmente interesan e preocupan ao sector”.

Llano lembrou que “tamén este ano temos unha novidade, grazas á nosa conselleira, pois reunirase aquí o Consello Galego de Pesca, que vai ter unha sesión plenaria mañá ás 12:30 horas e tamén vai sacar as súas conclusións, polo que vai ser moi interesante. E ademais vamos facer unha homenaxe a dúas persoas: unha delas é Catalina Sánchez Luengo, que se acaba de xubilar; e a outra é Narciso Fernández, pola súa iniciativa e o seu traballo que fixo desde que se creou a Fundación Expomar. Ademais imos darlle un recoñecemento a un programa da Televisión de Galicia que se chama Vivir o mar e é moi interesante”.

O presidente da Fundación Expomar agarda que “haxa moita relación comercial, para o que preparamos unha sala extraordinaria, atractiva, cunha gran vista cara ao porto. Tamén fixemos unha ampliación do recinto en 500 metros cadrados máis, o que significa que o sector está traballando duramente, que volve a ter moito que dicir, o que é importantísimo. Aumentouse o recinto porque foi demandando polo sector, polas empresas, polos expositores que están aquí. E iso é interesantísimo. Vamos pasar catro días intensos, espero que sexan moi bos para todos, e só me resta dicir que cando se vaian o domingo a partir das dúas tarde, cando pecharemos, que o fagan coa idea de querer volver”.

Asistiron ao acto de inauguración este mediodía o xerente de Expomar, José Manuel González, así como diferentes autoridades locais, provinciais e autonómicas, ademais de representantes do sector pesqueiro burelés.

A Feira Expomar ocupa unha superficie de 4.000 metros cadrados na que hai instalados 140 stands, que representan a máis de 350 marcas. O horario de visita desde hoxe é de 12 a 14 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Mañá, venres, e o sábado de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas e o domingo de 10 a 14 horas. Esa xornada terá lugar un acto de recoñecemento público ás doce e media do mediodía e á unha da tarde será cando o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, clausure Expomar 2019.