Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Compromiso por Galicia en Ribadeo deu a coñecer o seu programa electoral

Por 10 Maio, 2019Sin comentarios


Compromiso por Galicia en Ribadeo deu a coñecer o seu programa electoral no que se inclúen moitas medidas destinadas a mellorar a xestión da praia das Catedrais; así como a imaxe que se está a ofrecer da vila coa instalación de semáforos, de contedores soterrados e coa creación de novas prazas de aparcamento. O candidato á alcaldía, Jesús Pérez Moreda, xunto a Begoña Fernández Aurora González, números 2 e 3 da lista, foron os encargados de presentar os seus compromisos con Ribadeo.
O programa electoral de Compromiso por Galicia divídese en sete áreas: economía, servizos sociais, emprego e cidadanía; desenvolvemento local; infraestruturas; medio ambiente, rural e praias; cultura e deportes; turismo e tráfico.
Entre as medidas que recolle figuran a creación dun sistema de cobra nos aparcamentos da praia das Catedrais, co fin de aumentar o presuposto en diferentes partidas; a creación dunha oficina municipal dedicada á xestión diaria, que apoie e coordine aos clubs e asociacións do concello. E a reforma integral da praza de abastos, renovando o edificio actual e cubrindo os laterais.
Desde Compromiso por Galicia apostan por promover a negociación con Sepes para a reactivación real do polígono industrial de Ribadeo; por construír un edificio multiusos adaptado para concertos, torneos, feiras, exposicións e congresos empresariais; pola sinalización en tres idiomas: galego, castelán e inglés. E pola instalación dun carril bici pola estrada da costa, desde o porto ata As Catedrais.
No programa electoral de CxG figuran a creación de novas áreas de lecer para as mascotas e a rehabilitación de vivendas no medio rural para a mellora das condicións de vida, co fomento da instalación de placas solares para a calefacción e auga quente e o uso de enerxía por biomasa. Esta formación tamén aposta polo dragado do fango da praia dos Bloques para o seu posterior recheo con area e pola extensión da rede de saneamento na zona rural e pola recollida de residuos producidos polas explotacións agrarias.
Compromiso por Galicia considera que Ribadeo debería contar cun museo con diferentes salas dedicadas ao mar, á historia local e ao legado indiano; aposta pola creación de novas instalacións deportivas como unha pista de atletismo regulamentaria e por recuperar o uso da tradicional vela latina na ría como potencial turístico. Sobre a praia das Catedrais o programa electoral de CxG inclúe varias medidas como por exemplo un plan especial no que sexa imprescindible pasar por Ribadeo para visitar ese areal, xerando así sinerxias coa economía. Jesús Pérez Moreda e o seu equipo  propoñen que o 80% dos pases de acceso a Augasantas se expidan desde Ribadeo.
A instalación dun punto de carga para vehículos eléctricos no aparcamento municipal, a posta en marcha de medidas para controlar o acceso de vehículos ás rúas peonís ou a prohibición da entrada a camións de máis de 15 toneladas na vila, son outros dos puntos que recolle o programa electoral que Compromiso por Galicia deu a coñecer nesta xornada.