Fotografía e teatro para concienciar sobre a situación das persoas refuxiadas en Xove

O Concello de Xove acollerá nas próximas semanas unha exposición fotográfica e mais unha obra de teatro para concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. As actividades encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o municipio é socio.

A mostra ‘No colo da esperanza’ poderá visitarse a partir de mañá venres e ata o 2 de xuño na Sala de Exposicións do Salón de Actos, de 18 a 21 horas. As exposición foi realizada en 2015 na denominada “ruta dos Balcáns” polo fotoxornalista Felipe Carnotto, que previsiblemente se achegará ata Xove para ofrecer unha charla ao respecto. As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas que están a acontecer para que milleiros de persoas abandonen os seus fogares e camiñen en ringleiras durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz.

O martes 21, coincidindo co Día mundial da diversidade cultural para o diálogo e o desenvolvemento, representarase a partir das 11 horas no Salón de Actos o espectáculo teatral ‘O valo’, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego co fin de impulsar a reflexión sobre as fronteiras e as persoas que requiren refuxio. Baseada no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, o obxectivo da obra é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxe, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente. Asistirá alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán e mais do IES Illa de Sarón, pero a asistencia está aberta á poboación en xeral.

A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. ‘O valo’ está escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.

O fotoxornalista

A relación entre Felipe Carnotto e o Fondo Galego bota a andar en 2014, cando o reporteiro gaña o concurso Imaxes con Fondo II, no que o premio era unha viaxe a Nicaragua para retratar a realidade do país e os proxectos alí apoiados. Como freelance, o fotógrafo de orixe brasileira afincado en Vigo ten publicado en xornais como The Guardian, Der Spiegel, Financial Times, El País ou a revista Luzes. En 2017 fíxose co recoñecemento á Imaxe do Ano no prestixioso certame Estação Imagem e no mesmo ano acada o Galicia en Foco.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Etiquetas