O profesor ribadense Álvaro Doural foi nomeado dinamizador da FP Dual na Mariña lucense

Álvaro Doural, profesor no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, e presidente de Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia) foi nomeado dinamizador da FP Dual na Mariña lucense. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ven de crear, con carácter experimental a Rede Galega de Dinamización da FP Dual, que estará constituída por un máximo de 48 centros, nos que se inclúen todos os integrados de FP e aqueles outros que impartan FP dual durante o curso 2018-2019 ou os que impartan ensinanzas de FP e se atopen en zonas xeográficas pouco representadas. Esta rede actuará como punto de atención ao empresariado e establecerá a canle de comunicación directa entre administracións, centros educativos e empresas.

Álvaro Doural declara que “na recta final da miña vida profesional, afronto este novo reto con gran ilusión y vontade de servizo á formación profesional que tanto me deu durante a miña vida como alumno e profesor”.

Para o dinamizador da FP Dual na Mariña lucense “estamos ante un cambio necesario para poder resolver a necesidade de persoal dos sectores produtivos acorde coas súas necesidades e poder dar resposta a un problema social como é o abandono e o fracaso escolar na formación profesional”.

As funcións da persoa responsable da dinamización da FP dual son as seguintes:

Facer prospección de empresas. Percorrer o tecido empresarial do ámbito de actuación do seu centro para explicar e difundir a FP dual e determinar as necesidades das prazas de FP dual nos distintos sectores produtivos. Atender as necesidades das empresas, dando a coñecer os perfís profesionais axeitados en cada caso e fomentando o achegamento das empresas aos centros educativos.

Atender as necesidades dos titores e as titoras dos centros de traballo e dos centros educativos no desenvolvemento das súas funcións. Divulgar a FP dual entre o alumnado doutros niveis educativos, para o que contarán coa colaboración dos centros nos que se impartan estas ensinanzas, co fin de favorecer a orientación vocacional e profesional.

Asesorar a todos os actores participantes nos proxectos de FP dual de cara á realización dunha xestión de calidade e poderá formar e informar eses actores e realizar outras actuacións relacionadas coa FP dual.

Etiquetas