Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Os populares de Mondoñedo presentan unha candidatura de 21 persoas cun proxecto “novo e ilusionante”

Por 13 Maio, 2019Sin comentarios

A actual rexedora e candidata á alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia, pon en valor que durante o presente mandato “invertimos a imaxe do Concello. Cada vez se percibe máis a un Mondoñedo como un escenario de oportunidades”. Co obxectivo “firme” de continuar a traballar pola cidade, a popular encabeza de novo a candidatura, nesta ocasión integrada por 21 persoas, que conta cun proxecto “novo e ilusionante”.
Así, a alcaldable asegura que completamos a lista con persoas de diferentes idades e profesións, “aos que nos une un lema, o de Centrados en Mondoñedo”, ao igual que o demostramos durante estes anos. Neste eido, a popular resalta que tras este mandato “podemos presentar un balance que acredita que demos cumprimento ao programa electoral co que nos presentamos ás eleccións municipais de 2015”.
Elena Candia resume que traballaron co obxectivo de que Mondoñedo “contase con máis oportunidades e máis servizos que fixesen máis fácil e cómoda a vida dos veciños tanto do casco como das nosas parroquias”. E, por suposto, “buscamos potenciar o atractivo que ten a nosa cidade no eido turístico, converténdoa nunha cidade máis dinámica”
En liñas xerais, a alcaldesa cita algunha das melloras que sumou Mondoñedo neste mandato.  No eido do benestar, abriu e ampliouse o centro de día e “contamos coa autorización para dotalo dun servizo de unidade de alzhéimer”, asegura.  Ampliouse e blindouse o SAF “sen listas de agarda, con máis usuarios e traballadoras e con novos servizos como o do apoio psicolóxico a usuarios con alzhéimer e as súas familias ou o de podoloxía para dependentes”.
Para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, entre outras medidas ampliouse a gardería e creouse unha ludoteca. E, por suposto, “temos unha aposta clara e decidida coa unidade de atención temperá”, precisa.
Tamén o Goberno de Elena Candia foi consciente da importancia que ten o turismo na localidade. “Incrementamos a oferta de atractivos turísticos, por exemplo coa inauguración do museo Álvaro Cunqueiro ou a creación dun albergue da natureza”. Ademais mellorouse a promoción turística e xeráronse marca e produtos, “sen esquecernos nunca do potencial da Cova do Rei Cintolo, así como da aposta polas feiras e festas locais”.
A popular tamén impulsou medidas co obxecto de dar a coñecer a potencialidade de Mondoñedo para investir e crear emprego. Neste eido, “potenciamos o polígono industrial, a través da xestión coa entidade propietaria para rebaixar o prezo das parcelas ou modificamos ordenanzas para posibilitar o asentamento de todo tipo de actividades e mesmo promovemos unha convocatoria de subvencións para o asentamento de actividades económicas”. A isto, pódeselle engadir a creación dun viveiro de empresas. Ademais, Mondoñedo é Concello Emprendedor por ofrecer vantaxes ás empresas para instalarse. A alcaldesa tamén pon en valor que a cidade conta coa marca A Horta de Mondoñedo.
A creación de prazas de aparcamento, co acondicionamento, por exemplo, dun novo aparcadoiro na Travesía das Casas Novas, xunto as axudas para rehabilitar vivendas ou as melloras en servizos básicos como o abastecemento de augas ou as redes de saneamento, son outras das actuacións acometidas no eido da vivenda e do urbanismo.
A colaboración entre administracións e a defensa dos intereses mindonienses, permitiu que durante este mandato en Mondoñedo se acometesen obras tanto en infraestruturas viarias nos principais accesos á cidade, no casco urbano, nos barrios e no rural; así en edificios educativos ou deportivos. Como exemplo pódense citar os máis de 2,5 millóns na LU-124 ou as obras de drenaxe na LU-160, así como a rúa Lence Santar, o proxecto para o Camiño de Fondoso ou varias actuacións e proxectos no barrio do Couto, entre outras. A isto súmanselle melloras no patio cuberto do colexio, na Casa da Xuventude, na pista do pavillón ou no campo de fútbol.
As diferentes parroquias de Mondoñedo tamén foron unha prioridade para Elena Candia, coa posta en marcha dun plan de desbroce en todas as parroquias, o arranxo de camiños e a mellora de firmes. Investiuse en pistas do rural máis dun millón de euros. Tamén se levaron a cabo actividades nas parroquias, reunións periódicas, traballo coas asociacións, recollida de plásticos agrícolas ou renovación de luminarias; así como obras de mellora en escolas e centros sociais.
Por último, no eido da xestión económica e municipal, Elena Candia fai fincapé na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal así como que o Concello ten estabilidade orzamentaria. Resolveuse o Plan de Axuste e, en definitiva, incrementouse o investimento e acádase a débeda cero.
Candidatura
1. María Elena Candia López
2. Manuel Ángel Otero Legide
3. María Ángeles Rodríguez Rico
4. José Otero Rejes
5. Manuel Tapia Rivera
6. Alberto García Fernández
7. María Patricia Otero Doural
8. Beatriz Meilán Rego
9. Sabina del Pilar Allande Menéndez
10. Pascual Jesús Ares López
11. Pablo Redondas Losada
Suplentes:
Isidro Maseda Varela
María del Pilar Díaz Fernández
María Milagros Martínez Rivas
Marcos Candia Cuba
José Ramón Díaz Barreira
Sonia Fernández Cillero
Ana Mel López
Luciano Javier Folgueiro Lorigados
Luis Otero Pena
José Aquilino Bouso García