Adega e Mariña Patrimonio denuncian á Xunta por posibles danos ao patrimonio

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante o Servizo de Protección da Natureza , SEPRONA, posibles danos nun petróglifo situado no Xistral, concretamente no Chao de Sinás (Ourol-Lugo). Segundo puideron saber ambas asociacións, os danos foron ocasionados pola propia Xunta, ao realizar a comezos de ano unha queima controlada do mato que cubría unha zona arqueolóxica, catalogada e protexida pola Xunta de Galicia. Ao parecer, este lume tería afectado especialmente o petróglifo 13 (GA27038036).

Nesta zona arqueolóxica do Chao do Sinás, onde a Xunta de Galicia ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido dólmen da Arca de Sinás), a queima así como o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, segundo souberon ADEGA e Mariña Patrimonio.

Estas asociacións consideran especialmente grave que sexa a propia administración quen dane o patrimonio cultural. Ademais, sosteñen que esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia.

Etiquetas