Alfredo Llano cualifica de excelente a XVIII Feira Expomar que remataba o domingo

O alcalde, Alfredo Llano, cualifica de excelente a XVIII Feira Expomar, que concluía onte na nave de redes tras catro días de intenso traballo. O rexedor destaca a importancia que este evento ten para Burela e para A Mariña, ademais de para o sector pesqueiro.

Alfredo Llano dixo que “unha vez rematada a Feira Exposición de Expomar, correspondente ao ano 2019, se tivéramos que poñer unha cualificación diría que foi excelente. Non dicimos isto nosoutros senón que os propios expositores, a xente que acudiu a esta feira con diverso material e servizos que se presentaron, foron os que nos dixeron que para a próxima edición tiñan intención clara de vir e ademais moitos deles falaban de ampliar o seu stand. Polo tanto, é xa un reto que temos, a ver como se pode ir facendo porque a feira deste ano pensamos que é unha das boas feiras do sector náutico pesqueiro e que realmente vai ser importante tanto no estado español como a nivel internacional”.

O alcalde e presidente da Fundación Expomar lembro que “houbo 130 expositores, máis de 350 firmas representadas, ampliamos o espazo de exposición de 3.500 a 4.000 metros cadrados, houbo moita afluencia todos os días, información e transaccións económicas, ou sexa que pensamos que cumpriu as expectativas e os obxectivos para os que se organiza, que é mover o sector náutico pesqueiro”.

Llano engadiu que “paralelamente houbo as Xornadas Técnicas con moi bos relatores. Tratáronse asuntos socio laborais e temas específicos de pesca. Tamén tivemos a gran sorte de contar co Consello Galego de Pesca e co Encontro Empresarial. Foron catro días moi intensos e moi rentables en todos os aspectos. Levábamos moito tempo organizando esta feira e pensamos que saíu moi ben”.

Para o presidente da Fundación Expomar “isto é algo que favorece moitísimo ao sector náutico pesqueiro, pero tamén a Burela porque grazas á feira fomos protagonistas e a vila sae beneficiada. Estiveron ocupados todos os hoteis da vila e tamén houbo xente noutros hoteis da Mariña, de modo que favorece que se visite a nosa comarca no futuro, independentemente da Feira Expomar”.

A XVIII Feira Monográfica Náutico-Pesqueira rematou onte na nave de redes, cun acto de homenaxe a Catalina Sánchez, a Narciso González, e ao programa da TVG “Vivir o mar”.

Etiquetas