As praias de As Catedrais e Os Castros-Illas conseguen neste 2019 a bandeira azul

As bandeiras azuis ondearán este verán nas praias de As Catedrais, nos Castros-Illas e no sendeiro azul que vai dende o faro de Illa Pancha ata As Aceas. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase satisfeito con estes galardóns, que reflicten o traballo realizado en limpeza, en seguridade e no coidado do medio ambiente, entre outros. O rexedor felicita ao Real Club Náutico de Ribadeo pola consecución tamén do seu galardón.

O alcalde ribadense dixo que “acabamos de ter coñecemento da publicación destas bandeiras azuis para este verán 2019, e afortunadamente desde Ribadeo seguimos cumprindo os obxectivos que nos propoñemos. Foron outorgadas, outra vez, as bandeiras azuis das Catedrais, desta praia internacionalmente coñecida e emblemática como ningunha, así como tamén doutra menos coñecida como Os Castros-Illas, pero cunha querenza especial para a xente de Ribadeo, que é quen máis a usa”.

O rexedor explicou que “volvemos ter o distintivo honorífico de Sendeiro Azul na ruta entre o faro da Illa Pancha e As Aceas, e tamén, aínda que non sexa neste caso polo Concello senón polo Club Náutico, hai que darlle os parabéns ao RCNR por acadar tamén esta renovación do distintivo da súa bandeira azul”.

Para Fernando Suárez Barcia “todo este traballo, que agora se ve reflectido nestas bandeiras, ten que ver coa limpeza, coa seguridade, co coidado do medio ambiente, etc…, e síguennos poñendo o listón moi alto para intentar facelo o mellor posible, porque unha cousa é que as dean estas bandeiras e outra mantelas durante todo o verán”.

O alcalde lembrou que “hai que ter os estándares que se requiren de limpeza, de seguridade, de salvamento, de socorrismo, etc… Estamos confiados en que o cumpramos un ano máis pero hoxe é un día de celebración por ter acadado estes tan altos distintivos”.

Etiquetas